Os concelleiros de Cultura e Mobilidade Dani Carballada, e de Deporte, Brais Cubeiro, anunciaron no día de hoxe que con carácter inmediato á entrada de calquer tipo de actividade cultural ou deportiva do Concello de Cambre, situarase un panel informativo co custo de dito evento para as arcas municipais, a maiores, na páxina web do Concello poderán acceder en detalle a toda a información contractual vinculada á actividade. Ademáis colgarase tamén na web municipal todas as facturas xestionadas dende a Área de Cultura, Deporte e Mobilidade e nas comunicacións á prensa, asi como nas publicacións no Facebook municipal informarase do importe das diversas actividades.

En palabras de Dani Carballada “queremos ofrecer cada vez máis e maior información e transparencia á cidadanía con respecto á xestión que se fai dos cartos públicos, por eso lanzamos unha medida pioneira e innovadora, que estamos seguro ha de ser copiada no futuro por outras administracións”. O edil de Deporte, Brais Cubeiro incide en que “cando non hai absolutamente nada que ocultar podes ir coa verdade por diante sen temor de ningún tipo. A nosa xestión guiase non só por criterios técnicos e de servizo púbilco, procurando achegar a cultura e o deporte ao conxunto da poboación de Cambe, se non tamén procuramos traballar baixo parámetros de transparencia total de cara aos nosos veciños”. Carballada apuntou que “é moi fácil pedir transparencia cando se está na oposición pero é máis dificil ofrecela cando se está no goberno. Tanto Brais coma min temos claro que o paso que damos é algo simplemente consecuente coas nosas ideas, e que o que hoxe é unha excepción debera ser norma para todos”

Os ediles aproveitaron a ocasión para informar do custo das actuacións artísticas do festival Noutrora, celebrado por segunda vez nesta Semana Santa, os cachés maís elevados foron os de Amanacio Prada, Teresa Rabal ou a Orquestra Os Satélites, con cifras que van dos 7260 aos 2500 €. Consignáronse 540 € en gastos publicitarios e 2800 € a actuacións informativas e promocionais nunha cita lúdica e cultural que contou con máis de 40 actividades ao longo de 10 días e que a pesar das inclemencias metereolóxicas excepcionais da pasada Semana Santa, fixo que, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, máis de 4000 persoas viaxaran polo tempo sen saír do centro de Cambre. O conxunto do importe de todas as actuacións pode consultarse dende xa na web municipal.