Cambre está xa preparado para celebrar a noite de San Xoán. En concreto, o Concello acaba de sacar un bando municipal que regula as normas para a realización das tradicionais cacharelas e sardiñadas en espazos públicos do municipio.

Así, os interesados en realizar as cacheiras e/ou sardiñadas deberán solicitar a oportuna autorización municipal antes do próximo venres, 21 de xuño, ás 13.00 horas. Nesta licenza deberase indicar o lugar de emprazamento e o DNI da persoa responsable, que deberá ser maior de idade.

Os veciños e veciñas poderán pedir a autorización de xeito presencial e tamén telematicamente. Así, presencialmente poderán acudir ao Concello de Cambre (días 13, 17, 19 e 20 de xuño entre as 10.00 e as 13.00 horas) e a Servizos Múltiples (días 14 e 18 de 9.00 a 10.30 horas) para solicitar este permiso. Pola outra banda, poderán facer a súa solicitude por medio dun formulario electrónico desde a páxina do Concello de Cambre ata o 21 de xuño ás 13.00 horas.

Este bando establece, así mesmo, que a hora límite para a celebración serán as 3.30 horas. A altura máxima das cacharelas estará determinada polos servizos de Emerxencias e Seguridade municipais, que poderán inspeccionalas. Con todo, como norma xeral, as cacharelas non superarán os 2,5 metros de altura e deberase ter limpo un radio de 5 metros arredor da mesma.

En todo caso, as fogueiras, sardiñadas ou barbacoas terán que estar situadas, como mínimo, a 15 metros de colectores, vehículos, vivendas, faros, etc. e en ningún caso baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. O bando sinala, ademais, que as fogueiras non se poderán facer sobre beirarrúas, prazas públicas ou calquera superficie que poida quedar danada polo lume ou polas cinzas.

As persoas responsables deberán atender, en todo momento, as esixencias dos servizos de Emerxencias e Seguridade municipais e, ao remate, coidarán de que os queden totalmente apagados e deberán limpar o espazo autorizado antes de 24 horas.

 

Bando municipal para a realización de cacharelas e/ou sardiñadas

Bando municipal para a realización de cacharelas e/ou sardiñadas