O goberno local ten en marcha proxectos que seguirán incrementando as zonas de estacionamento. Entre elas, destaca o de rexeneración urbana no Temple e o que se acometerá na Finca Molina –inmediacións da Casa do Concello-.
Tal e como indica o alcalde, Óscar García Patiño, “queremos seguir incrementando os servizos para os veciños e veciñas do municipio, e unha das maiores demandas é a creación de máis prazas de aparcamento”.

Catrocentas vinte e cinco. Ese é o número de prazas de aparcamento libre que o Concello de Cambre sumou nos tres últimos anos. A maioría destas novas zonas de estacionamento creáronse no Temple, na Barcala e en Cambre, os puntos do municipio máis poboados e con maior intensidade de tráfico rodado. Con todo, o goberno local replicó estas actuacións tamén nas parroquias, habilitando zonas de aparcamento en lugares que contan cunha gran afluencia.

No caso das áreas máis urbanas, Vila Concepción, a futura Casa da Cultura de Cambre, e o paseo marítimo foron algúns dos puntos sobre os que o Concello actuou nos últimos meses. Doutra banda, nas parroquias, o goberno local interveu en Brexo Lema –onde se habilitou unha leira nas inmediacións do campo de fútbol- e en Sigrás –creando sitios de estacionamento nas proximidades do CEIP Gonzalo Torrente Ballester-.

Así mesmo, a esas máis de 400 prazas, hai que sumar as áreas de estacionamento provisionais que o Concello pon ao dispor dos veciños e veciñas durante as celebracións e eventos espaciais, como na Romaría Castrexo Romana Galaicoi.

A previsión do equipo de goberno é seguir traballando para aumentar o espazo de aparcamento en todo o termo municipal. Proba deste compromiso son algúns dos proxectos que se executarán nos próximos meses: o proxecto de rexeneración urbana no Temple e o da Leira Molina, entre outros. No caso do Temple, por exemplo, o plan do Concello supoñerá a reordenación do espazo de aparcamento, sumando 30 novas prazas nesta zona.

Tal e como indica o alcalde, Óscar García Patiño, “queremos seguir incrementando os servizos para os veciños e veciñas do municipio, e unha das maiores demandas é a creación de máis prazas de aparcamento en todo o concello.