O dosificador estaba situado nas inmediacións do rexistro e dos edificios municipais, e daba servizo aos veciños e veciñas que acudían a estas instalacións para realizar os seus trámites.

Co obxectivo de reducir o risco de contaxio pola COVID-19, o Concello instalou un total de 30 dispensadores de xel hidroalcohólico no termo municipal. Este mobiliario situouse nalgúns dos puntos máis concorridos como, por exemplo, parques infantís, centros de ensino, prazas, edificios e instalacións municipais, etc. A semana pasada, o persoal municipal detectou a desaparición dun destes dosificadores, situado na Barcala.

O dispensador atopábase nas inmediacións do rexistro de entrada da Barcala e do resto de edificios municipais, e daba servizo aos veciños e veciñas que acudían a estas instalacións para realizar algún trámite. O persoal decatouse do furto cando procedía a realizar os traballos de reposición de xel destes dispensadores.

O alcalde, Óscar García Patiño, solicita a colaboración dos veciños e veciñas para dar “co autor deste roubo, que supón un prexuízo para toda a cidadanía”. Neste sentido, o rexedor incide na necesidade de “coidar das instalacións e do mobiliario municipal, dirixido ao uso e goce de toda a veciñanza”.