O documento indica as zonas de acceso en cada centro, así como unha serie de directrices para evitar posibles contaxios pola COVID-19.

Coa mirada posta no inminente inicio do ano académico, o Concello de Cambre elaborou un protocolo para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias do programa Mañanceiro. Como explica o concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, “consideramos que as medidas e iniciativas que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar son fundamentais, pero na situación sanitaria actual a saúde dos nenos e nenas é o máis importante”.

O documento elaborado polo Concello indica as zonas de acceso dos centros nos que se realizará este programa: CEIPs Portofaro, Wenceslao Fernández Flórez, Gonzalo Torrente Ballester, Emilio González López e Graxal. As familias dos pequenos e pequenas non poderán acceder ao recinto, polo que haberá un monitor na entrada ás horas indicadas -7.30, 8.00 e 8.30 horas-.

A máscara será obrigatoria a partir dos 6 anos e recomendable para os nenos e nenas de idades inferiores. Co obxectivo de evitar contactos innecesarios, cada usuario ou usuaria deberá levar a súa propio material.

Seguindo o protocolo marcado para os centros educativos, utilizaranse varias estancias de cada colexio para garantir os cocientes de monitor/usuarios e para cumprir, así mesmo, coa distancia social. Os participantes estarán sentados en grupos burbulla ou a unha distancia de 1,5 metros.

Máis de 400 solicitudes

A través deste servizo, que funcionará do luns a venres, os escolares accederán ao centro ás 7.30 horas e permanecer alí ata o inicio das horas lectivas. O programa ofrece tamén a posibilidade de almorzo para os pequenos e pequenas. Nesta edición, o Concello recibiu máis de 400 solicitudes para o programa Mañanceiro.