O concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, solicitou unha reunión co xerente de Atención Primaria da Coruña-Ferrol, Luis Verde, o 25 de setembro. Así mesmo, o 6 de outubro, requiriuse de novo un aumento do número de traballadores no ambulatorio de Cambre.
Ata a data, ningunha das peticións recibiu resposta por parte do organismo competente.

As múltiples queixas recibidas polos veciños e veciñas sobre o centro de saúde de Cambre levaron ao goberno local a solicitar unha reunión coa Xerencia de Atención Primaria da Coruña-Ferrol. Nas últimas semanas, numerosos usuarios e usuarias trasladaron ao Concello o seu descontento pola dificultade para contactar co ambulatorio por vía telefónica. O concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, esixe “un reforzo no persoal do centro de saúde que resolva esta problemática”.

Como explica Gutiérrez, “na crise actual provocada pola COVID-19, a cidadanía necesita, máis que nunca, unha atención sanitaria adecuada”. “Somos conscientes de que a carga de traballo é maior desde o inicio da pandemia, pero o servizo ten que seguir prestándose con todas as garantías para os usuarios e usuarias”, comenta o responsable de ambas as áreas. Neste sentido, Gutiérrez ve “inaceptables” os tempos que os veciños e veciñas teñen que esperar para ser atendidos por teléfono, entendendo que esta situación débese á “falta de persoal encargado de atender estas chamadas”.

O Concello solicitou unha reunión co xerente de Atención Primaria da Coruña-Ferrol, Luís Verde, o pasado 25 de setembro. Ao non recibir resposta, Gutiérrez enviou unha nova petición á Xerencia incidindo na necesidade de ampliar o persoal dedicado á atención telefónica do centro de saúde o 6 de outubro. A maiores, requiriuse un aumento no número de liñas telefónicas para reducir así os tempos de espera. Ata a data, ningunha das peticións foi respondida por parte de Sanidade.