Ata o de agora, o mercado celebrábase na praza Manuel Murguía e nas rúas Párroco Manuel Cobas e Francisco Rodríguez. A partir deste venres, 11 de outubro, levarase a cabo na rúa Polígono.
Con esta medida, o equipo de goberno responderá as demandas dos veciños e veciñas da zona e dos vendedores, dándolle máis visibilidade a esta cita.

 

Revitalizar o tecido comercial e as feiras do municipio. Ese é un dos obxectivos principais que o novo equipo de goberno se marca para esta lexislatura. Baixo esta premisa, o Concello está a traballar xa para impulsar as dúas feiras que se celebran no termo municipal: a de Cambre (día 2 e 3º domingo de cada mes) e a do Temple (segundos venres de mes). Así, a próxima medida exposta polo goberno local será o cambio de localización da feira do Temple, que pasará a celebrarse na rúa Polígono. Esta modificación farase efectiva a partir deste venres, 11 de outubro.

O mercado do Temple situábase na praza Manuel Murguía e nas rúas Párroco Manuel Cobas e Francisco Rodríguez. Agora, a nova localización das casetas será na rúa Polígono. Con esta medida, o Concello busca varios obxectivos. Por unha banda, responder as demandas dos veciños e veciñas e mesmo dos vendedores, que levaban tempo solicitando un cambio de localización do mercado e, polo outro, reducir as retencións de tráfico que se producían na localización antiga da feira. Ademais, tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, neste novo espazo, “a feira terá máis visibilidade ao estar situada moi preto da entrada e a saída da AP-9, e os postos estarán máis concentrados”.

A celebración da feira deste venres contará, ademais, con polbeira e coa actuación do pasacalles Señor Lilí, que animará aos asistentes do mercado con contos e música. O Señor Lilí informará os visitantes da nova localización do mercado.

Os veciños e veciñas do Temple mostraron a súa conformidade con esta modificación, así como os vendedores e locais da rúa Polígono, que confían en que a nova localización teña importantes beneficios para este mercado mensual.

O Concello está a tomar, ademais, medidas para revitalizar a feira de Cambre. En xaneiro, baixouse a taxa de venda ambulante a pedimento dos vendedores. Así mesmo, implantouse unha bonificación para os vendedores asiduos. Por último, na pasada feira de Cambre, o Concello atendeu unha importante demanda realizada por parte dos comerciantes: darlles a posibilidade de que poidan deixar os seus vehículos nas inmediacións dos seus postos de venda.