O Concello de Cambre levará mañá, xoves 30 de xullo, a pleno a aprobación das bases para a convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea do alumnado do obradoiro de emprego dual ‘ PROXEDIS- PROWEB 2019/2020’ ( PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade- PROfesionais WEB).

Estas axudas buscan fomentar a contratación laboral temporal dos 20 alumnos e alumnas que participan no obradoiro de emprego. Esta convocatoria, dotada cun orzamento de 30.000 euros subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá incentivar ás empresas cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador ou traballadora contratado cunha duración mínima de 3 meses de alta na Seguridade Social e a xornada completa.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, explicou “esta é a liña de traballo que o Concello debe seguir nos próximos anos, apostando por iniciativas que melloren a empregabilidade dos veciños e veciñas” e destacou que “grazas a esta liña de axudas á contratación facilitaremos que os alumnos poidan continuar no mundo laboral, aumentando as posibilidades de que sexa de forma definitiva”.

Cambre ofreceu para o curso 2019/2020 o obradoiro PROXEDIS- PROWEB, dividido en dúas especialidades: por unha banda, a rama asistencial e, polo outro, a de deseño web. Nesta nova edición contratáronse a un total de 20 persoas durante 9 meses –oito na especialidade de deseño web e 12 na de de xeriatría e discapacidade-.

Desta forma, o Concello aposta por ofrecer formación e traballo práctico en dous das áreas laborais máis demandadas na actualidade: por unha banda, na rama dos servizos asistenciais e, polo outro, na da informática e comunicacións.