O Concello de Cambre segue traballando para conter a expansión do coronavirus. O goberno local estableceu un amplo protocolo para frear a expansión de virus. Como parte destas medidas, o Concello iniciou o luns 23 de marzo os traballos de desinfección dos espazos públicos máis concorridos do termo municipal.

Esta medida arrincou hoxe levarase a cabo de forma continuada e por un período de tempo indefinido. Estes labores están a realizarse nos centros médicos do municipio (Cambre e O Temple), nas inmediacións dos supermercados, bancos, instalacións municipais –Casa do Concello e Servizos Sociais-. Nunha segunda fase do plan de desinfección, os operarios replicarán estas actuacións nos parques infantís. O obxectivo é que, unha vez que estes espazos volvan abrir, estean en perfectas condicións para o uso dos nenos e nenas do concello.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, agradece “o esforzo e dedicación” destes operarios, así como do resto do persoal do Concello que segue traballando e teletraballando durante esta emerxencia sanitaria.

O rexedor sinala, ademais, “o comportamento exemplar” dos veciños e veciñas do municipio, que están a cumprir estritamente coas directrices fixadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de Estado.