O período de recepción das propostas estará aberto desde o xoves, 16 de setembro, ata o 7 de outubro.

O goberno local mantén a súa aposta pola participación cidadá co lanzamento da 6ª edición do Decidámolo Xuntos. Trátase dun proceso participativo co que os veciños e veciñas poderán realizar as súas achegas aos orzamentos de 2022 do Concello de Cambre. O período de presentación de propostas arrincará este xoves, 16 de setembro, e terminará o 7 de outubro. O alcalde, Óscar García Patiño, explica que o Decidámolo é unha “iniciativa consolidada que forma parte xa do calendario do Concello e que obtén, edición tras edición, excelentes cifras de participación”. O rexedor apunta a importancia deste programa, “co que se fan realidade as demandas trasladadas pola cidadanía e polas asociacións de veciños do municipio”.

O goberno local iniciou, a semana pasada, a rolda de reunións cos representantes das asociacións, que continuarán ao longo dos próximos días. O obxectivo destes encontros non é outro que coñecer, de primeira man, as principais demandas das entidades, que están a ser recollidas.

Desde este xoves, as persoas interesadas poderán realizar as súas propostas telemáticamente tanto a través da app móbil Decidámolo Xuntos como por medio do formulario habilitado na web https://decidamoloxuntos.cambre.es. Así mesmo, os veciños e veciñas poderán encher o formulario correspondente e entregalo por algunha das seguintes vías: depositándoo nun das caixas de correos dispoñibles nos centros sociais de cada parroquia ou en calquera dos rexistros municipais ou enviándoo por correo electrónico á dirección decidamoloxuntos@cambre.org.

Unha vez pechado o prazo de presentación de propostas, procederase á avaliación das mesmas. A continuación, entre o 20 e o 28 de outubro abrirase o período de votación das mesmas e determinarase que iniciativas incluiranse no documento orzamentario do Concello de Cambre.

Os cambreses e cambresas poderán presentar todas as peticións de investimento que consideren. Isto é, poderán solicitar a creación ou construción de novos equipamentos ou infraestruturas, saneamento, asfaltado ou adquisición de bens inventariables.

Un éxito en cifras de participación

A última edición do programa Decidámolo Xuntos asinou un auténtico éxito en cifras de participación. En total, o Concello recibiu máis de 400 propostas por parte dos cambreses e cambresas, unha cifra que confirma a consolidación e a gran aceptación da iniciativa municipal.