Mellorar a mobilidade e a accesibilidade no núcleo urbano e poñer en valor unha contorna patrimonial única como a Igrexa de Cambre e o cruceiro. Eses son os dous obxectivos que o equipo de goberno conseguirá co proxecto de reforma da Praza Europa. Con este plan, o Concello segue dando pasos para darlle ao núcleo urbano unha imaxe completamente renovada. De feito, as actuacións da segunda fase do proxecto xa están adxudicadas, e o Concello acaba de sacar a licitación as obras da primeira fase, que servirán para completar o plan. Onte realizáronse diferentes traballos de topografía na zona, e proximamente arrincarán as obras englobadas dentro do proxecto.

A través desta obra, completarase a relación entre os lugares públicos existentes, creando un espazo harmónico ao redor da Igrexa de Santa María. Propóñense unha serie de percorridos desde a Praza Europa cara á Igrexa e o Campo da Feira, deixando unha superficie continua en fronte á Igrexa, de forma que permita a súa conexión co edificio do Concello, co Campo da Feira e co Museo Arqueolóxico.

Durante os traballos trasladaranse tanto sinais e cartelería non acordes coa contorna no que se atopan como tamén algunhas especies vexetais existentes que se aproveitarán para poboar as novas áreas axardinadas que se contemplan nos tránsitos que prevé o proxecto. Ademais, se substituirán as beirarrúas e a superficie de asfalto actual por pavimento de pedra para darlle así continuidade á estética da Praza Europa e do Campo da Feira. Elevarase o paso de peóns que dá acceso á Iglesia, situándose á mesma cota de altura da praza.

O alcalde, Óscar García Patiño, explica que este proxecto servirá para mellorar os percorridos peonís, “mellorando a accesibilidade e a mobilidade no núcleo urbano, conseguindo, ademais, a posta en valor dun enclave único que necesita reordenación”.