O proxecto acaba de saír a contratación cun orzamento base de licitación de 14.491,84 euros. O espazo estará dotado tanto de arboledo e mobiliario urbano como de novos puntos de luz.

Unha senda peonil mixta con zona de aparcamento completará os equipamentos no lugar de Pena, en Cela. Así o confirma o alcalde, Óscar García Patiño, que sinala que esta beirarrúa “dará acceso ao futuro centro sociocultural que o Concello está construíndo xa na parroquia”. O Concello acaba de sacar estes traballos a contratación cun orzamento basee de licitación de 14.491,84 euros.

O rexedor indica a “importancia” destas obras, “que suporán a eliminación das barreiras arquitectónicas e a mellora na accesibilidade e na seguridade nesta zona”.

Estas actuacións acometeranse nun solo de núcleo rural, polo que o obxectivo é que as intervencións resulten o menos agresivas posibles adaptándose á contorna tanto a nivel espacial como visual. Para lograr este obxectivo, proponse a execución dun espazo destinado a beirarrúa e aparcadoiro en batería nunha plataforma única e que estará dotado tanto de árbores e mobiliario urbano, como de novos puntos de luz. A previsión é que estes labores supoñan a creación do espazo de estacionamento suficiente, sen que isto inflúa no maior ou menor nivel de tráfico rodado na zona.

Centro sociocultural

O Concello continúa avanzando na construción do novo edificio sociocultural de Cela, un proxecto co que dará resposta a unha demanda histórica da asociación de veciños da parroquia.

Unha vez conclúan estas obras, a construción contará cunha sala de usos múltiples –que se destinará a actividades como ioga, pilates, ximnasio, etc.-, cunha estancia que funcione como salón de estar ou cafetería e comedor e que dispoñerá de zona de office. Así mesmo, o proxecto incorpora un pequeno despacho que se utilizará como zona administrativa e dous baños adaptados, un deles con ducha e coa posibilidade de funcionar como vestiario en caso de ser necesario.