Os establecementos gañadores foron J. Kids moda infantil, a tenda de lambetadas Endulzarte, a pastelería Anaquiños Doces, a Floristería Siempreverde, a academia Mirko e a academia de inglés Big Red Bus.

O esforzo, a dedicación e creatividade teñen premio. E se non, que llo pregunten aos seis establecementos de Cambre que se converteron en gañadores do XII Concurso de Escaparates de Nadal: J. Kids moda infantil, a tenda de lambetadas Endulzarte, a pastelería Anaquiños Doces, a Floristería Siempreverde, e as academias de xadrez e matemáticas Mirko e a de inglés Big Red Bus. O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, felicitou onte, persoalmente, a algúns dos galardoados desta edición, agradecéndolles “a súa grande implicación neste tipo de iniciativas, coas que buscabamos incentivar as compras e o consumo nos negocios de Cambre tras un 2020 complicado para o tecido económico”.

A duodécima edición do certame congregou a preto de medio centenar de negocios do termo municipal. De entre os participantes, o xurado escolleu aos seus favoritos atendendo aos seguintes criterios: creatividade da decoración, orientación comercial da decoración, iluminación do establecemento, composición adecuada e distribución espacial. Tendo en conta estes aspectos, os membros do tribunal elaboraron a seguinte relación de premiados:

  • J. Kids moda infantil: 1º premio (900 euros)

  • Endulzarte: 2º premio (700 euros)

  • Anaquiños Doces: 3º premio (500 euros)

  • Floristería Siempreverde: Accésit Máis sostible (400 euros)

  • Mirko: Accésit Orixinalidade (400 euros)

  • Big Red Bus: Accésit Adecuación ao produto (400 euros)

J. Kids, por exemplo, converteu o seu escaparate nun Belén con todo luxo de detalles e elaborado con materiais reciclados. A responsable do establecemento explicou que as árbores, por exemplo, realizáronse a partir de cerdas dunha escoba, e que utilizou caixas para construír as diferentes construcións. Endulzarte adornou a súa vidreira inspirándose en “El Cascanueces”, e incorporando elementos como unha cheminea, un tren de xoguete e todo tipo de adornos do Nadal. Pola súa banda, a pastelería Anaquiños Doces mesturou os seus produtos típicos de Nadal –como galletas de xenxibre- con outros elementos que lembran á época, como osos de peluche, grilandas e calcetíns, entre outros.