A mellora da eficiencia enerxética, a redución das emisións de CO2 e a posta en marcha de medidas que garantan unha maior protección do medio ambiente seguen sendo prioritarias para o Concello de Cambre. Tanto é así, que acaba de presentar cinco proxectos de mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos ante o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para optar a fondos europeos.
O Ministerio abriu, en febreiro, unha convocatoria para que as administracións locais puidesen presentar a súa manifestación de interese e achegar información sobre as medidas que permitisen alcanzar unha rehabilitación sostible do parque público institucional –de acordo co Programa de Impulso á Rehabilitación Edificios Públicos do Goberno Central-. Os datos presentados polos Concellos garantirán unha maior efectividade e eficacia na xestión dos fondos públicos.
Tras realizar unha análise exhaustiva das necesidades existentes no municipio, o Concello presentou proxectos nos seguintes edificios e instalacións municipais:
- Centro Municipal de Formación: nova instalación fotovoltaica.
- Campo de fútbol Dani Mallo: cambio á iluminación con tecnoloxía LED e da instalación fotovoltaica.
- Piscina A Barcala: cambio de carpinterías da envolvente, substitución da instalación de gas natural por biomasa, incorporación de instalación solar térmica.
- Casa do Concello: cambio da cuberta, carpinterías, e do sistema de gasóleo actual por biomasa e instalación fotovoltaica en autoconsumo –a intención é colocar placas fotovoltaicas no colexio e que estas poidan dar servizo tanto á Casa do Concello como ao resto de edificios públicos da zona-.
- Campo de fútbol Brexo-Lema: instalación fotovoltaica e instalación de biomasa.
As medidas propostas polo executivo contribuirían a alcanzar aforros medios do 30% de eficiencia enerxética nestas edificacións.