O salón de plenos do Concello de Cambre acolleu o mércores 6 de novembro a presentación do documento de inicio do Plan Xeral de Ordenación Municipal. En concreto, a documentación expúxose ante a presenza de representantes dos partidos da corporación municipal –agás da representante de Esquerda Unida, que escusou a súa asistencia por motivos laborais-. A empresa Oficina de Planeamento, adxudicataria da redacción do PXOM de Cambre, encargouse de conducir a explicación.

Durante o encontro, falouse tanto do documento borrador do plan como do documento ambiental estratéxico. Esta documentación foi enviada xa á Xunta de Galicia para o proceso de avaliación ambiental estratéxico. Agora, estímase que nun prazo duns 10-15 días, o borrador se faga público na Consellería de Medio Ambiente. O documento estará exposto durante un período de 2 meses, un prazo no que os veciños e veciñas poderán facer chegar as súas observacións.

Co obxectivo de ofrecer a máxima transparencia e facilitar que as persoas interesadas poidan facer chegar as súas observacións, a páxina web municipal dispoñerá dunha publicación que ligazón, directamente, coa realizada pola Consellería de Medio Ambiente.

Proceso de Participación Pública

O Concello dará, ademais, dous pasos máis para seguir avanzando no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Por unha banda, os técnicos municipais responderán, proximamente e de maneira individualizada, as 153 propostas presentadas polos veciños e veciñas durante o Proceso de Participación Pública do PXOM. Doutra banda, e co obxectivo de que os cambreses poidan coñecer as conclusións obtidas durante a iniciativa, a páxina web municipal dispoñerá dun informe final no que se detallarán as fases do PPP e no que se incluirá, así mesmo, a listaxe de propostas e as conclusións principais.

Atendendo aos resultados do Proceso de Participación do PXOM, o Concello asinou un auténtico éxito: en total, os 37 encontros -4 Encontros de Futuro, 14 reunións informativas nas parroquias e 19 encontros escolares- congregaron a 1.104 persoas. Os veciños presentaron 153 propostas nas que a Mobilidade e o Transporte (37%), os Equipamentos (25%) e os Servizos (20%) foron as temáticas máis abordadas. En menor medida, formuláronse tamén propostas sobre Territorio e Usos do chan (11%), Medio Ambiente (5%) e Patrimonio cultural (1%).

Desta forma, os asuntos principais que se trataron nas propostas foron os seguintes: dotación de parques e zona verdes, creación de centros de día, dotación de instalacións deportivas, conservación e posta en valor do patrimonio natural e histórico-cultural, facilidades para a mobilidade peonil –beirarrúas, camiños, sendas peonís, pasos elevados, etc.-, fomento e mellora do transporte colectivo –autobús e tren-, reordenación do tráfico, construción de infraestruturas ciclistas, rede de rede de sumidoiros e saneamento, xestión de residuos, conexión a Internet, limpeza e cambios na cualificación do chan.