A Casa do Concello acolleu hoxe unha sesión do pleno extraordinaria para modificar un acordo adoptado pola corporación en xaneiro. Tras este acordo, o Concello solicitou unha subvención do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía.
O IDAE enviou un escrito requirindo algunhas modificacións na documentación presentada no mes de febreiro.

O Concello de Cambre celebrou hoxe, luns 16 de marzo, unha sesión do pleno extraordinario na que se aprobou a modificación dun acordo adoptado no mes de xaneiro. Un dos puntos aprobados na sesión ordinaria de xaneiro foi a proposta para solicitar ao IDAE unha subvención para renovar a iluminación pública en varios puntos do municipio. Tras a súa aprobación, o Concello presentou, o 10 de febreiro, a súa solicitude para participar no programa de subvencións. Pola súa banda, o IDAE enviou un escrito ao Concello requirindo algunhas modificacións na documentación presentada. O pleno deu luz verde á proposta para cambiar o acordo adoptado no pleno de xaneiro e para aprobar o proxecto, que implicará a substitución de 2.061 puntos de luz en Cambre, O Temple, A Barcala e o polígono do Espírito Santo.

No requirimento presentado polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía sinalaban, por unha banda, a necesidade de incluír na documentación unha relación de todos os centros de mando do termo municipal –incorporando, nun apartado diferenciado, os centros de mando que se renovarían coa execución deste proxecto-. Así mesmo, solicitaban que un técnico municipal avalase toda a información proporcionada nos documentos presentados polo Concello.

A intención do Concello é que o IDAE poida sufragar o 80% desta obra (1.480.620,73 euros), mentres que a contía restante procedería das arcas municipais (370.155,18 euros).

Con este investimento, o equipo de goberno buscará conseguir un dobre obxectivo: renovar a iluminación exterior en varios puntos do municipio e favorecer, non só unha maior eficiencia enerxética, senón tamén unha redución nas emisións de CO2. O proxecto inclúe a substitución de 2.061 puntos de luz convencionais por outros con sistema LED. Esta tecnoloxía garantirá unha maior luminosidade e repercutirá, así mesmo, na economía municipal polo maior aforro que se consegue con este tipo de iluminación. A estimación do Concello é conseguir un aforro aproximadamente un 60% no gasto anual de iluminación, o que implicaría un aforro un aforro de 300.000 euros.

Trátase dun proxecto coordinado polo concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, e está a se realizar en colaboración coa concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá, Elisa Pestonit, e coa concelleira de Mobilidade e Medio Ambiente, Patricia Parcero Quiñoy.

A proposta aprobouse cos votos a favor de Unión x Cambre, PSOE, CS, Alternativa dos Veciños e Esquerda Unida e coas abstencións do PP e do BNG. O alcalde, Óscar García Patiño, explicou que os “servizos técnicos municipais non podían garantir que esta axuda non se perdese en caso de non aprobarse a modificación e o proxecto no pleno”, razón pola que se celebrou a sesión extraordinaria.
Ante a situación de emerxencia sanitaria que se está vivindo polo novo coronavirus, o Concello adoptou unha serie de medidas de prevención. Entre elas, acordouse a celebración do pleno a porta pechada e mantendo, ademais, a distancia de seguridade entre os membros da corporación municipal.