O salón de plenos acollerá, ás 12.00 horas, a lectura dunha declaración institucional. Ás 19.00 horas, está prevista a celebración do encontro-debate ‘Hai saída grazas a ti’.

Cambre tinguirase de negro para dicir non á violencia de xénero. Un ano máis, o Concello programa varios actos para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Así, este xoves, 25 de novembro, o programa incluirá a lectura dunha declaración institucional e a celebración do encontro-debate ‘Hai saída grazas a ti’.

Por unha banda, o salón de plenos da Casa do Concello acollerá, ás 12.00 horas, a lectura dunha declaración institucional en contra desta lacra social. Durante o acto, repartiranse materiais da campaña De Fronte á violencia de xénero da Deputación da Coruña e da iniciativa da Xunta de Galicia contra as agresións sexuais.

Polo outro, ás 19.00 horas terá lugar o encontro-debate ‘Hai saída grazas a ti’, coordinado pola especialista en igualdade, Elsa Rodríguez. Durante o mesmo, explicaranse conceptos básicos relacionados coa violencia machista. Unha vez realizada esta exposición, búscase promover o debate entre o público asistente, que deberá propoñer solucións e vías de axuda desde o ámbito privado. Este encontro está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e realizarase na aula multiusos do centro de Servizos Sociais ás 19.00 horas.

A cota máxima de participantes será de 20 en total, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse utilizando o teléfono 981 65 48 12 ou o correo igualdade@cambre.org.