O Concello de Cambre continúa organizando actividades que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas do municipio. Baixo esa premisa, ademais dos campamentos urbanos de verán, o Concello organiza o Deporte no verán 2020. O concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, explica que con este programa búscase un dobre obxectivo: “por unha banda, na situación actual consideramos máis necesario que nunca sacar adiante propostas que sirvan para facilitar a conciliación das familias e, polo outro, como todos os veráns, queremos seguir impulsando iniciativas de lecer que permitan, ademais, levar un estilo de vida saudable”.

Co obxectivo de priorizar a seguridade dos nenos e nenas, o Concello elaborou un protocolo para cada unha das iniciativas que levarán a cabo como parte do programa.

Entre a oferta de actividades atópanse os cursos de Doma clásica no Centro Ecuestre Pinteño, dirixidos a nenos e nenas nados entre o 2002 e o 2012. Cada curso dispoñerá de 4 a 8 prazas como máximo.

A Concellería programa tamén o campamento de actividades na natureza ‘Convive co mundo cabalar’, que se realizará no Centro Ecuestre Pinteño. Levaranse a cabo dúas quendas cunha cota máxima de 15 participantes en cada un. A primeira quenda estará dirixida a nenos nados do 2012 a 2016 e a segunda para os nados do 2011 a 2008.

A oferta deportiva estival inclúe tamén os cursos de iniciación ao tenis para maiores de 6 anos. Organizaranse dúas convocatorias cun máximo de 10 participantes por curso.

No verán, os nenos e nenas poderán tamén aprender a patinar apuntándose ao curso do Concello. Ofertaranse entre 10 e 20 prazas para os nados e nadas do 2011 ao 2016. As sesións formativas impartiranse no polideportivo de Pravio.

A programación estival conta, así mesmo, con clases de ioga –para maiores de 13 anos- que se levarán a cabo no ximnasio de Cambre.

Por último, o Concello ofrece piragüismo nas instalacións municipais do Club Náutico de Cambre. Ao longo do verán organizaranse dous cursos cun máximo de 10 prazas. Neste caso, a iniciativa está pensada para maiores de 9 anos.

O prazo de inscrición inicial abrirá o luns, día 6, ata o 22 de xullo. As persoas interesadas en solicitar praza poderán facelo en calquera dos rexistros de entrada do Concello ou a través da sede electrónica. Os veciños e veciñas que desexen entregar a inscrición presencialmente terán que pedir cita previamente. Para iso, dispoñen das seguintes vías:

– O teléfono 981 61 31 28

– O correo electrónico cambre@cambre.org

– O formulario web