O alcalde, Óscar García Patiño, sinala que estas actuacións “darán resposta ás demandas dos propios veciños e veciñas”.

O Concello iniciou, esta semana, un novo proxecto para reforzar a seguridade e a accesibilidade peonil no municipio. Nesta ocasión, actuarase nun camiño municipal da parroquia de Cela. As obras municipais supoñerán a construción de novas sendas nun camiño de titularidade municipal.

O alcalde, Óscar García Patiño, sinala que estas intervencións “dan continuidade á liña de traballo do goberno local para mellorar as condicións de seguridade en todo o termo municipal. Este proxecto dará resposta ás demandas dos propios veciños e veciñas, que solicitaban melloras en materia de seguridade e accesibiliade”.

O trazado peonil construirase entre os puntos quilométricos 1+210 e 1+440. A creación da senda non supoñerá a modificación do trazado do camiño, pero será necesario o recrecemiento do muro de dique existente do punto quilométrico 1+230 ao 1+308 co fin de conseguir un ancho superior ao da senda peonil actual. O plan inclúe, ademais, labores de pavimentación das beirarrúas, o desmonte e reposición do cerramento existente e a colocación de cancela e valado.

Estes traballos foron adxudicados por preto de 40.000 euros e contan cun prazo de execución de dous meses.