Tras dous anos de parón pola emerxencia da covid-19, o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, celebra que o evento poida “recuperar o seu formato orixinal”.

Os castrexos e os romanos volverán verse as caras este verán en Cambre. O Concello acaba de sacar a licitación a organización da V Romaría Galaico-Romana Galaicoi, que se celebrará os días 15, 16 e 17 de xullo. Tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria da covid-19, o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, celebra que o evento “recupere o seu formato orixinal”. O edil lembra que nos dous últimos anos o Concello realizou varias actividades adaptadas á situación epidemiolóxica para “manter vivo o espírito do evento”.

No 2020 levou a cabo unha Galaicoi virtual, mentres que o ano pasado representáronse dúas funcións teatrais, unha traxedia e unha comedia. Boga avanza que a intención é que Cambre “recupere este evento cuxo valor cultural, histórico e asociativo é indiscutible. A Galaicoi é unha celebración que naceu para recuperar e pór en valor parte da historia de Cambre, pero a presenza e implicación das asociacións é uns dous aspectos máis importantes da cita”.

Debido á diversidade das prestacións requiridas, o contrato da V Galaicoi está estruturado en oito lotes: organización e dinamización dun mercado temático de carácter galaico-romano e decoración, ambientación e delimitación da romaría; alugueiro, instalación, mantemento e retirada dos servizos sanitarios durante o desenvolvemento do evento; subministración de elementos gráficos, de sinalización, de merchandising e conmemorativos; subministración de liñas, cadros eléctricos temporais e elementos para proporcionar enerxía e iluminación aos espazos da celebración; servizo de sonorización e iluminación para a romaría e para as funcións teatrais; gravación e edición de vídeo para a transmisión en streaming das obras de teatro; servizo de recreación histórica e realización da representación de dúas obras de teatro clásico.

A organización da próxima cita sae a contratación cun orzamento basee de licitación para un ano de contrato de 81.150 euros (IVE incluído).