Saen a contratación a reforma da praza Fernando Buesa, a mellora das beirarrúas da estrada Cambre-O Temple e rúa Carballo, a reordenación da contorna do parque de Francisco Rodríguez, a reordenación en María Mariño e a remodelación da parada de bus de Tapia.
As intervencións levaranse a cabo con fondos do Plan Único e do Plan Adicional da Deputación.

O Concello acaba de sacar a licitación un paquete de obras valorado en 570.000 euros. Máis de medio millón que se destinará á execución de cinco proxectos en Cambre e no Temple, os núcleos de maior poboación: reforma integral da praza Fernando Buesa (300.000 euros); mellora da accesibilidade e seguridade peonil nas beirarrúas da estrada Cambre – O Temple e rúa Carballo (40.000 euros); reordenación da contorna do parque infantil da rúa Francisco Rodríguez (69.802,41 euros); reordenación da rúa María Mariño (124.479,66 euros) e remodelación da parada de bus da rúa Tapia (35.717,93 euros). As actuacións fináncianse con fondos provinciais do Plan Único e do Plan Adicional da Deputación da Coruña.

O alcalde, Óscar García Patiño, sinala a importancia destas actuacións “coas que seguiremos mantendo a liña de traballo dos últimos proxectos realizados nas zonas urbanas, priorizando ao peón fronte ao vehículo e poñendo o foco na seguridade viaria e na accesibilidade”.

Praza Fernando Buesa

Por medio deste proxecto, o Concello acometerá a reforma integral da praza, actuando nunha superficie duns 4.720 metros cadrados. Unha vez concluídos estes traballos, este espazo contará con áreas axardinadas e con arboledo, área infantil, parque de calistenia e bancadas.

As intervencións incluirán a recolocación, ampliación e mellora do parque existente. A maiores, crearanse servizos adicionais, aumentando así a oferta de usos neste punto. A parte superior da praza contará con graderíos que se poderán utilizar, non só como punto de encontro e solárium, senón tamén para albergar espectáculos e funcións. A maiores, habilitarase unha nova pista de calistenia dentro do recinto.

Estrada Cambre – O Temple 

No caso das obras proxectadas na AC-214 (estrada Cambre – O Temple) e na rúa Carballo, o Concello busca solucionar os problemas de accesibilidade e seguridade existentes. Actualmente, as beirarrúas ven reducidas polo acceso a un local comercial. Esta circunstancia dificulta o paso aos veciños e veciñas en xeral e, moi especialmente, das persoas con mobilidade reducida. A isto hai que sumar, ademais, que o bordo se atopa afundido a cota da calzada –no espazo de aparcamento-. Así mesmo, existe un cruzamento peonil na rúa Carballo no que coincide tanto o tráfico rodado como o peonil.

O proxecto buscará dar continuidade espacial á zona, eliminando as escaleiras de conexión actuais, reducindo a pendente da beirarrúa e eliminando o actual cruzamento peonil na rúa Carballo. Isto último conseguirase investindo o sentido de circulación dos vehículos e creando un paso elevado que garanta a prioridade aos peóns e a visibilidade dos vehículos na súa incorporación á AC-214. Ademais, o Concello suprimirá o acceso actual ao local comercial que invade parte da beirarrúa e colocará arborizado que dará continuidade ao existente na zona.

Francisco Rodríguez

Na contorna do parque da rúa Francisco Rodríguez, o Concello expón a mellora da zona que bordea a área infantil para cumprir o seguinte obxectivo: mellorar as condicións de seguridade neste punto e darlle un maior protagonismo ao peón fronte ao vehículo. Para logralo, reordenaranse os aparcadoiros no contorna da área infantil, que se deseñarán en oblicuo para reforzar a seguridade viaria nas manobras de saída dos vehículos estacionados e a renovación dos pavimentos, entre outros traballos.

Rúa María Mariño

En consonancia coas últimas intervencións acometidas no Temple, o proxecto en María Mariño servirá para cumprir os seguintes obxectivos: renovación dos pavimentos de beirarrúas e da calzada; substitución do tramo de senda existente por unha beirarrúa; adaptación do paso de peóns á normativa de accesibilidade; actualización da rede de iluminación e renovación das canalizacións existentes; solución dos problemas de drenaxe aos garaxes; creación dunha nova praza con estacionamento en batería ao final da rúa; instalación de mobiliario urbano e plantación de árbores.

Parada de bus rúa Tapia

O Concello cambiará a localización da marquesiña de Costa da Tapia, localizada na intersección coa rúa Ánxel Fole (marxe dereita, sentido de baixada). O goberno local adoptou a decisión tras constatar que neste punto a visibilidade se reducía cando había autocares na parada. A presenza destes vehículos dificultaba a manobra dos condutores que accedían a Tapia desde Ánxel Fole. A intención do equipo de goberno é trasladar esta parada uns metros máis arriba, entre os números 19 e 23.

Este cambio de localización implicará tamén a remodelación da marquesiña. O obxectivo é dotar este punto da lonxitude necesaria para que estacionen dous autobuses seguidos. Unha vez concluídos estes traballos, esta construción pasará dos 14 metros actuais aos 37 metros. A maiores, a solución supoñerá a renovación dos pavimentos e a ampliación da beirarrúa, dando continuidade ás que se executaron nas rúas adxacentes como parte do proxecto de rexeneración urbana do Temple.