A instalación, orixinal do 1912, acollerá a Oficina Municipal de Información Xuvenil -OMIX- e contará con sala de xuntas e zona de lecer para os usuarios e usuarias.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación nos xardíns da dependencia. Ao evento acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, o concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, o secretario xeral de AGADER, Isaías Calvo de la Uz, e o presidente do GDR As Mariñas Betanzos, José Antonio Santiso.

Os mozos de Cambre contan, desde hoxe, cun novo espazo de asesoramento, lecer e aprendizaxe. O Concello inaugurou, esta mañá, Casa Arrigada, unha instalación dirixida á mocidade que se suma á dependencia situada no Temple -Casa das Palmeiras-. O acto inaugural correu a cargo do alcalde, Óscar García Patiño, e do concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Daniel Mallo. Ao evento acudiron, así mesmo, o secretario xeral de AGADER, Isaías Calvo de la Uz, e o presidente do GDR As Mariñas Betanzos, José Antonio Santiso. A apertura de Arrigada contou, ademais, cunha pequena representación dalgunhas entidades xuvenís do municipio: XentD100 cia e Movemento Xove.

Durante a súa intervención, García Patiño lembrou que o Concello abriu, hai menos de dous meses, a nova Biblioteca Central: “estou orgulloso de poder afirmar que vos servizos e infraestruturas dos veciños e veciñas continúan medrando”. O rexedor expresou o seu desexo de que Arrigada se converta “non só nun lugar para pedir consello, senón tamén nun espazo para responder as vosas dúbidas. Gustaríame que pensarades nesta instalación como un recuncho de lecer, actividade e aprendizaxe”. O alcalde aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración de AGADER, que concedeu unha subvención de máis de 30.000 euros xestionada a través do GDR As Mariñas Betanzos. Pola súa banda, Mallo sinalou que a intención do goberno é que “esta segunda dependencia sirva para crear unha sinerxía de traballo coa Casa das Palmeiras, ofrecendo un mellor servizo a toda a mocidade do municipio”. O concelleiro agradeceu a “implicación” das entidades xuvenís, desexando que “desde agora, aproveitedes ao máximo Arrigada, a vosa casa”. Ao remate, o responsable das áreas realizou un pequeno percorrido por estas dependencias.

A Casa da Xuventude ten tres plantas diferenciadas. Por unha banda, o baixo concíbese como un espazo de encontro xuvenil, e dispón de televisión, proxector, futbolín e mesa de ping pong, entre outros elementos. Polo outro, o primeiro piso acolle a Oficina Municipal de Información Xuvenil -OMIX-, que ata o de agora estaba situada nas inmediacións da Casa do Concello. A través deste servizo, os mozos poderán tramitar o Carné Xove, solicitar o Tarxetón do Concello e recibir información e asesoramento. O último nivel conta con zona de despachos, sala de xuntas e cunha área para desenvolver obradoiros.

O interior do edificio compleméntase cos xardíns exteriores, inspirados en Versalles. Esta área aínda conserva algúns dos elementos máis característicos, como paseos trazados con exemplares de buxo, árbores exóticas e autóctonas e varias esculturas. Tras recuperar a edificación modernista, a previsión do Concello é iniciar, canto antes, unha segunda fase do proxecto que permita recuperar este lugar para uso público.

Unha rehabilitación completa

Para abrir Casa Arrigada, orixinal do 1912, o Concello tivo que acometer importantes melloras nesta edificación modernista. Entre elas, destacan as seguintes: instalación dun ascensor e adecuación dos aseos, renovación da rede eléctrica, instalación de conexión a internet, calefacción, arranxo do chan, impermeabilización da terraza, limpeza e poda do xardín, adquisición do mobiliario, reparación dos balcóns, etc.

A previsión do goberno é continuar traballando esta dependencia con dous obxectivos: mellorar a eficiencia enerxética de Arrigada e recuperar os xardíns.