Sumando a puntuación tras a valoración dos técnicos municipais e tendo en conta os votos rexistrados, estas son as proposicións que obtiveron unha maior puntuación: mellora e arranxo do parque infantil da Igrexa de Cambre, asfaltado do aparcadoiro do campo de fútbol do Brexo-Lema e eliminación da piscina do parque Ramón Barba para construír un teatro.
Como explica o alcalde, Óscar García Patiño, “o noso obxectivo é satisfacer outras peticións veciñais, mesmo aquelas que non chegaron á fase final e que, por tanto, non foron sometidas á votación”.

O Concello xa ten as tres propostas gañadoras do Decidámolo Xuntos e que, por tanto, pasarán a formar parte dos orzamentos do 2021. Este ano, unha vez recontados os puntos da valoración técnica e da votación pública, estas son as tres proposicións gañadoras: a mellora e arranxo do parque infantil da Igrexa de Cambre, o asfaltado do aparcadoiro do campo de fútbol do Brexo-Lema e a eliminación da piscina do parque Ramón Barba para construír, no seu lugar, un teatro. Con todo, o goberno local comprométese a executar outras iniciativas e ideas que, aínda non resultando vencedoras, supoñerían unha mellora para o municipio e responderían as demandas veciñais. Entre elas, o Concello prevé acometer –ou, en todo caso, buscar alternativas de financiamento- todas as peticións que chegaron á fase final e que, a continuación, se enumeran:

  1. Mellora e arranxo do parque infantil da Igrexa de Cambre (87 puntos). Proposta gañadora do Decidámolo Xuntos.
  2. Asfaltado do aparcadoiro do campo de fútbol do Brexo-Lema (75 puntos). Proposta gañadora do Decidámolo Xuntos.
  3. Eliminación da piscina no Temple e creación dun teatro para actuacións e eventos (72 puntos). Proposta gañadora do Decidámolo Xuntos.
  4. Creación dun parque e recuperación dun camiño na zona verde que rodea o lateral e a parte de atrás da pista cuberta de Pravio (72 puntos)
  5. Creación dun novo parque de calistenia (71 puntos)
  6. Mellora da pista á beira da Igrexa de Santa María de Vigo (70 puntos)
  7. Dotar ao Temple dun espazo de lecer de maiores dimensións con espazo para a celebración de eventos e festas (69 puntos)
  8. Mellora da pintura e xanelas do local social de Bribes (68 puntos)
  9. Ampliación do local social de Andeiro (68 puntos)
  10. Plantación de árbores autóctonas no parque infantil de San Lorenzo e creación dunha área biosaudable (66 puntos)
  11. Mellora da iluminación no parque infantil da praza de José Luis Caso Cortines (65 puntos)
  12. Facilitar un servizo de préstamo de bicicletas con punto de recollida en diferentes localizacións do Concello (57 puntos)
  13. Zona pechada habilitada exclusivamente para cans no Graxal (49 puntos)

Como explica o alcalde, Óscar García Patiño, “o Decidámolo Xuntos naceu co fin de saber que precisan os veciños e veciñas de Cambre”. “Por iso, o noso obxectivo é satisfacer outras peticións veciñais, mesmo aquelas que non chegaron á fase final e que, por tanto, non foron sometidas á votación”, sinala o rexedor.

O Concello pecha así unha nova edición do seu programa participativo asinando un novo éxito en cifras de participación: en total, recibíronse 1.337 votos entre as 13 propostas que pasaron á fase final da iniciativa. Con respecto ao 2019, non só chegaron a esta fase un maior número de propostas, senón que tamén se rexistraron tres veces máis votos.

García Patiño incide na necesidade de “seguir apostando por este tipo de medidas coas que se busca que os veciños e veciñas se involucren nas decisión políticas e fagan chegar as súas demandas e necesidades”.