A concellería de Desenvolvemento Socioeconómico impulsa esta e outras medidas como o Rasca e Gaña co obxectivo de impulsar as compras nos negocios do municipio.

Impulsar o tecido comercial e hostaleiro durante as festas de Nadal. Ese é o obxectivo que a concellería de Desenvolvemento Socioeconómico busca conseguir coa posta en marcha de dúas iniciativas: o Concurso de Escaparates de Nadal de Cambre e o Rasca e Gaña. O concelleiro desta área, Diego Alcantarilla Rei, xustifica que estas medidas servirán para “impulsar o comercio local e incrementar as vendas nos locais e negocios de Cambre en Nadal e durante o resto do ano”.

Por unha banda, o goberno local retoma o XI Concurso de Escaparates, que deixara de organizarse no ano 2011. Alcantarilla Rei explicou que este certame volveuse a poñer en marcha co fin de “atender as demandas dos comerciantes do municipio, que nos trasladaron o seu interese por este concurso”. Neste certame, un da de máis tradición do municipio, poderán participar comercios, locais e/ou negocios de hostalería que desenvolvan a súa actividade económica no termo municipal. Para converterse en participantes deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos: cumprir coas condicións para o exercicio da súa actividade económica, ter un establecemento aberto ao público e un escaparate decorado con motivos do Nadal, como mínimo, durante o período comprendido entre o 13 de decembro e o 5 de xaneiro. Estes establecementos estarán identificados cun cartel que deberá colocarse nun lugar visible da vidreira.

Un xurado encargarase de examinar as decoracións dos locais participantes e de determinar cales son os gañadores da competición. Tras a deliberación dos membros do tribunal, farase entrega de diferentes premios aos establecementos que obteñan unha mellor valoración. Así, o primeiro premio será de 900 euros, o segundo de 600 e o terceiro de 450 euros. Ademais, entregaranse dous accésits, un á orixinalidade de 300 euros e outro ao Espírito de Nadal, tamén de 300 euros.

Rascas e gañas con 13.000 euros en premios

O Concello organiza, ademais, o seu Rasca e Gaña, unha acción de dinamización comercial que, nesta ocasión, repartirá 35.000 bonos entre os establecementos dos municipios. Os locais adheridos a esta iniciativa entregarán aos seus clientes e clientas estes bonos –por importe de 10, 20, 50, 100 e 300 euros para facer as súas compras de Nadal antes do 17 de xaneiro de 2020-. Estes bonos de compra esconderán premios por preto de 13.000 euros.

Poderán participar nesta acción todos os establecementos comerciais de venda de agasallos (fóra de supermercados e medianas e grandes superficies comerciais), locais de venda de produtos de alimentación e negocios de barbería e estética do municipio susceptibles a participar no Concurso de Escaparates.