O Museo Arqueolóxico de Cambre está de estrea. A instalación acollerá mañá, sábado 18 de xaneiro, a inauguración de ‘Lugares e recordos’, unha exposición en clave feminina que expoñerá o traballo de oito mulleres estreitamente vinculadas ao municipio. A estrea da exposición terá lugar ás 12.00 horas, e ofrecerá ás persoas asistentes unha amálgama de arte e boa música. Ao acto acudirá o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, que sinala a “importancia desta mostra, que servirá para visibilizar ou traballo de artistas locais que contan cun gran talento”.

A exhibición está composta polos traballos das artistas Guti Aldea, Susana de Bogo, Toñi Leo, María J. Sabio, Ana Delgado, Fátima Cepeda, Marité Prieto e Lucía Valeiras. A mostra está comisionada pola cambresa Xoana Díaz, estudante de Belas Artes en Pontevedra. Actualmente, Díaz está a cursar o 4º curso da titulación, e con tan só 21 anos, estréase como comisaria na súa primeira exposición.

Tal e como Díaz sinala, este traballo indaga “na conexión emocional das persoas cos lugares. Estes lugares deixan pegada nos seus recordos, na súa memoria”. A obra completa estará composta por un total de 11 obras pictóricas, na que as que as artistas, baixo un mesmo tópico, “ acadaron resultarvos moi distintos”, explica a comisaria.

Unha das artistas, Susana de Bogo, sinala que a maioría das pintoras que expoñen nesta exposición forman parte do colectivo ‘ Venres Vida’. O grupo, conformado integramente por mulleres, coñeceuse nun taller impartido polo pintor Manuel Romero. Aproximadamente tres anos despois, as mulleres seguen reuníndose cada venres para compartir unha paixón en común: a pintura.

O acto inaugural contará coa presenza do concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, de Marité Prieto, moi vinculada ao mundo da cultura e a arte, que se encargará de ler un manifesto. Así mesmo, a música de Erea Díaz e Diego Regueiro completarán o evento.

A exposición estará dispoñible no Museo cambrés ata o próximo 31 de xaneiro e no seguinte horario: de martes a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas e os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.

 

Exposición 'Lugares e recordos'

Exposición ‘Lugares e recordos’