O Concello de Cambre sumarase aos actos polo Día Mundial do Ostomizado, que terá lugar o vindeiro sábado, 5 de outubro. Farao a través da iluminación da igrexa de Santa María de Cambre e do Paraugas, que lucirán a cor verde para conmemorar esta xornada.

Os ostomizados son pacientes que sufriron unha ostomía –un orificio de saída artificial que practica un cirurxián na parede abdominal por mor de diversos diagnósticos e que dá saída ao contido intestinal-. Actualmente, en España hai máis de 125.000 persoas ostomizadas, e o número de intervencións crece día a día.

A conmemoración desta xornada ten un dobre obxectivo: por unha banda, integrar a todas as persoas afectadas por esta operación, e polo outro, sensibilizar ao resto da sociedade sobre as barreiras que estes pacientes teñen que superar día a día.

O concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, incide na “necesidade de apoiar este tipo de iniciativas”. Gutiérrez destaca o compromiso do Concello por “sensibilizar aos veciños e veciñas sobre este tipo de afeccións e por visibilizar a realidade diaria que sofren, por exemplo, os pacientes ostomizados”. Gutiérrez sinala, así mesmo, que a idea do equipo de goberno é “tomar as medidas necesarias para favorecer a integración e a normalización destes pacientes”.