O salón de plenos acolleu hoxe, martes 30 de xullo, a presentación oficial do XXVIII festival Rock in Cambre, que se celebrará os días 2 e 3 de agosto no municipio. Ao acto de presentación acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, a concelleira de Cultura, Mónica Varela Germade, e representantes das agrupacións locais e dos obradoiros que se realizarán como parte do programa do Rock in Cambre. O cartel desta nova edición contará co protagonismo, non só de agrupacións nacionais de renome, senón tamén de grupos do resto de Galicia. Carlos Tarque, vocalista e membro fundador do grupo M Clan; a banda punk rock viguesa Killer Barbies; Terbutalina, orixinal de Esteiro; Ilegales, a recoñecida banda dos anos oitenta; a agrupación de Ordes Dios ke che crew e Bastards on Parade, con músicos de A Coruña y Cambre, encabezan o cartel desta nova edición.

Á presentación acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, a concelleira de Cultura, Mónica Varela, e representantes dos grupos e dos obradoiros

 

Con todo, tal e como explicou durante a presentación a concelleira de Cultura, Mónica Varela Germade, as bandas locais xogarán tamén un papel protagónico. En total, serán seis as agrupacións que actúen durante o festival: 100 mentiras, Wetsocks, David El Cuerdas & K’ Landrakers, Stonewolf, Wasted Wiltons e Jackie Brown. O cartel inicial incluía a actuación de Malasömbra en lugar da de Stonewolf. Con todo, por problemas alleos á organización do festival, o grupo Malasömbra renunciou á súa participación no Rock in Cambre, e o Concello procedeu a escoller ao primeiro dos grupos de reserva que foran seleccionados durante a convocatoria de teloneiros.

Os horarios dos concertos do Rock in Cambre quedarían da seguinte forma:

Venres 2 agosto

19:30 horas- Jackie Brown

20:30 horas- David El Cuerdas & K’ Landrakers

21:30 horas- Wetsocks

22:30 horas- Terbutalina

00:10 horas- Carlos Tarque

02:00 horas- Killer Barbies

 

Sábado 3 agosto

19:30 horas- StoneWolf

20:30 horas- 100 Mentiras

21:30 horas- Wasted Wiltons

22:30 horas- Dios Ke Che Crew

00:10 horas- Ilegales

02:10 horas- Bastards on Parade

Pistoletazo de saída a catro días de festival

Aínda que os concertos arrincarán oficialmente o venres, 2 de agosto, ás 19.30 horas, o Rock in Cambre celebrará mañá, mércores 31 de xullo, as súas primeiras actividades. En concreto, o local de ensaios da Barcala acollerá mañá o taller para nenos e nenas ‘Aprende a tocar a batería’ a cargo de Martín Aparicio, de Wetscoks. Así mesmo, ás 20.30 horas, o centro sociocultural da Barcala será o escenario, ás 20.30 horas, dunha Mesa de Rock e Xénero que contará coa participación de catro voces femininas que falarán sobre a presenza da muller no mundo do rock: Eva Piñeiro Enríquez –Coyote Express-, Belén Tajes García – The Zipper-, Bibiana Portela Navieras – Destemplados- e Cristina Baixo Enríquez, que tomará parte en calidade de moderadora en representación da Marcha Mundial das Mulleres.

A programación continuará o xoves 1 de agosto ás 17.30 horas na aula da Escola de Música Sementeira, onde está prevista a realización do obradoiro Vive ou Rock…a patadas! Vive ou Rock…con los Ramones! Durante a actividade, os participantes aprenderán a tocar un tema do clásico grupo los Ramones. Lucía Louro, profesora de Sementeira, será a encargada de impartir este taller.

O venres 2 de agosto ás 17.30 horas, o Centro Sociocultural da Barcala acollerá o taller Queres ser rockeiro? Crea ou teu propio instrumento! Con esta acción búscase, non só promover a creatividade dos máis pequenos, senón tamén inculcarlles a importancia da reciclaxe. Así, ao longo da sesión, os nenos e nenas aprenderán a crear instrumentos con materiais reciclados.

Por último, o sábado 3 de agosto ás 18.00 horas, o local social da Terceira Idade de Cambre acollerá o taller de Rock Miúdo Baila a ritmo de Rock! Durante o mesmo, os pequenos descubrirán os pasos e movementos típicos da música rock.

Un festival máis social

Durante a presentación, Varela Germade explicou que se trata dunha edición do Rock in Cambre “máis social”. Así, unha das principais novidades do festival será a presenza dun punto lila –punto seguro- co que se buscan dous obxectivos: a prevención do acoso sexual en grandes eventos e a sensibilización e concienciación sobre a igualdade. Esta iniciativa parte da concellería de Benestar Social, dirixida por Lúa Sanguiñedo. Esta campaña estará presente os días 2 e 3 de agosto, coincidindo coa celebración dos concertos. En concreto, o punto lila estará situado no Campo da Feira desde as 21.30 horas ata a finalización do evento.

Ao final da presentación, o alcalde, Óscar García Patiño, explicou que o “espírito do Rock in Cambre é apostar polas bandas locais”, e aproveitou para animar a todo o mundo a asistir, non só aos concertos dos grupos máis coñecidos, senón tamén aos dos locais, aos que calificou como “as bandas máis grandes”.