O Concello de Cambre quenta motores para vivir a XXVIII edición do Rock in Cambre, que se celebrará os días 2 e 3 de agosto no municipio. Tanto é así, que a concellería de Cultura está xa ultimando os detalles desta nova edición, que contará, non só coas actuacións de bandas nacionais, galegas e locais, senón tamén con outras actividades dirixidas ao público infantil. Así, co obxectivo de manter o a tradición rockeira de Cambre, o equipo de goberno contempla tamén diversas actividades para inculcar aos máis pequenos a paixón por este estilo musical.

As actividades para os nenos e nenas arrincarán o mércores 31 de xullo ás 17.30 horas no local de ensaios da Barcala. Esta dependencia converterase no escenario no que os pequenos darán os seus primeiros pasos no mundo do rock aprendendo a tocar, nin máis nin menos, que a batería. O taller formativo correrá a cargo de Martín Aparicio (Valencia, 2001), membro do grupo Wetsocks. A pesar da súa curta idade, Aparicio tocou xa nos grupos Malatransa, Juan de Nós e Wetsocks.

A programación continuará o xoves 1 de agosto ás 17.30 horas na aula da Escola de Música Sementeira, onde está prevista a realización do obradoiro Vive o Rock…a mogollón! Vive o Rock…con los Ramones! Durante a actividade, os participantes aprenderán a tocar un tema do clásico grupo los Ramones. Lucía Louro, profesora de Sementeira, será a encargada de impartir este taller.

O venres 2 de agosto ás 17.30 horas, o Centro Sociocultural da Barcala acollerá o taller Queres ser rockeiro? Crea o teu propio instrumento! Con esta acción búscase, non só promover a creatividade dos máis pequenos, senón tamén inculcarlles a importancia da reciclaxe. Así, ao longo da sesión, os nenos e nenas aprenderán a crear instrumentos con materiais reciclados.

Por último, o sábado 3 de agosto ás 18.00 horas, o local social da Terceira Idade de Cambre acollerá o taller de Rock Miúdo Baila a ritmo de Rock! Durante o mesmo, os pequenos descubrirán os pasos e movementos típicos da música rock.

Os interesados en recibir máis información ou en participar nalgunha das actividades poderán facelo no teléfono 649 89 12 12.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS rock

Actividades complementarias para público infantil do Rock in Cambre

 

Bandas nacionais, galegas e locais no Rock in Cambre

Carlos Tarque, vocalista e membro fundador do grupo M Clan; a banda punk rock viguesa Killer Barbies; Terbutalina, orixinal de Esteiro; Ilegales, a recoñecida banda dos anos oitenta; a agrupación de Ordes Dios ke te crew e os coruñeses Bastards on Parade encabezan o cartel da XXVIII edición do Rock in Cambre.

Así mesmo, Cien mentiras, Wetsocks, David el cuerdas & K’ Landrakers, Malasömbra, Wasted Wiltons e Jackie Brown serán as seis bandas locais que se subirán ao escenario del Rock.