O encontro estivo organizado polo Concello de Cambre e contou con representación dos Concellos da Coruña, Culleredo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Sada e Deputación da Coruña.

O Concello acolleu, esta mañá, unha reunión cos alcaldes e alcaldesas da comarca na que se puxo sobre a mesa a necesidade de traballar, de forma consensuada e unánime, na elaboración dun novo plan viario comarcal acordado por todas as administracións municipais e supramunicipais. Trátase da primeira reunión que os rexedores e rexedoras manteñen tras as dúas sentenzas emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia respecto a a Vía Ártabra. O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, indicou que o obxectivo deste encontro “foi falar de vías e estradas que quedaron no caixón e que consideramos fundamentais para garantir unhas mellores conexións para os veciños e veciñas da comarca. É o caso da Vía Ártabra, pero tamén do Vial 11-17 e doutras moitas infraestruturas esenciais para garantir unha cohesión entre os municipios da área que sexa equitativa e xusta”. García Patiño sinalou “a boa sintonía da reunión”, que contou con representación da Deputación da Coruña e dos Concellos da Coruña, Culleredo, Abegondo, Bergondo, Betanzos e Sada. O encontro concluíu con dous acordos: por unha banda, solicitar unha reunión co novo presidente da Xunta de Galicia para abordar melloras en infraestruturas viarias de toda a comarca e, polo outro, elaborar un estudo técnico coas principais necesidades dos municipios.

O encontro desta mañá contou coa presenza do alcalde de Cambre e do concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, do deputado e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, da rexedora de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, da primeira edil de Betanzos, María Barral, do rexedor de Sada, Benito Portela, e do edil de Urbanismo da Coruña, Francisco Dinís Díaz. Á reunión foron tamén convidados os rexedores de Carral e Arteixo, así como o alcalde de Oleiros, que non respondeu á invitación. García Patiño agradeceu a presenza dos alcaldes e alcaldesas e sinalou a súa intención de contactar os seus homólogos de Carral e Arteixo para explicarlles o sentido da reunión e os acordos alcanzados.

Os rexedores coincidiron na necesidade de realizar unha análise do Plan Sectorial en vigor no que se especificarían os seguintes aspectos: a pertinencia do documento no contexto actual e as necesidades e demandas de cada concello. Os Concellos solicitarán o apoio económico da Deputación da Coruña para o financiamento deste estudo que, unha vez concluído, remitirán á Xunta de Galicia. Os rexedores coincidiron en sinalar que o plan viario, que data do ano 2004, quedou obsoleto, non axustándose ás necesidades, demandas e realidades sociais actuais.

Como sucedeu no caso de Culleredo co Vial 18, proxecto no que o Estado recolleu as esixencias do Concello, os rexedores subliñaron a necesidade de que as distintas administracións “teñan en conta aos Concellos que se vexan afectados por estas infraestruturas”.

As principais vías, colapsadas
Tal e como se expuxo na reunión, diariamente saen e regresan desde a cidade da Coruña un total de 124.306 persoas, das que o 72,84% fano nos eixos este-oeste e sur-norte, destacando os que teñen como destino Oleiros (27,54%) e Culleredo (23,8%) (segundo datos do Instituto Nacional de Estatística). Atendendo a estes números, os accesos da área metropolitana da Coruña están colapsados por tres motivos: insuficiencia de pasos viarios sobre a ría, existencia dun eixo moi dominante no que se concentra a maior parte do tráfico existente (avenida Alfonso Molina, AC-12 e AP-9) e, por último, falta de servizos de transporte metropolitano eficaces, o que provoca unha maior dependencia do uso do vehículo privado.

Tendo en conta estas cifras, os alcaldes e alcaldesas defenderon a necesidade de contar con vías e estradas que “garantan a cohesión social e que favorezan a dinamización empresarial de toda a comarca, aproximando a todos os municipios da área”. Para conseguir estes obxectivos, infraestruturas como a Vía Ártabra, o Vial 11-17 ou o Vial 18 xogarían un papel fundamental.

Liberación das peaxes
Outra das cuestións que se expuxeron foi a liberalización das peaxes. Neste sentido, os rexedores e rexedoras lembraron que a transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia (tal e como se aprobou no Congreso dos Deputados en febreiro de 2021) foi reclamada xa por todos os partidos galegos.