Cambre,  29 de  novembro de 2018.  O Alcalde de Cambre, Óscar García, e  a  concelleira de Desenvolvemento socioeconómico, Leonor Fernández, visitaron o obradoiro de emprego “PROXEDIS II, PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade” aprobado pola Xunta de Galicia no que se contrataron un total de 26 persoas desempregadas.  O obxectivo deste proxecto é a cualificación profesional dos traballadores/as no ámbito da atención á dependencia; terceira idade e discapacidade, ó longo de 9 meses.

Como novidade, nesta anualidade promoveráse a inserción laboral das persoas participantes, unha vez rematado o proxecto, a través do establecemento de incentivos ás empresas do sector para á contratación laboral temporal de traballadores/as a xornada completa e cun mínimo de 3 meses de duración. Para isto, o Concello de Cambre comprometeuse a conseguir o 100% da inserción laboral.

Os 26 desempregados que agora mesmo están contratados durante nove meses co obxectivo de formarse e lograr a súa inserción laboral no sector dos servizos asistenciais. O proxecto desenvolverase en tres fases ao longo das cales os 20 participantes estarán contratados polo concello durante 9 meses.

A primeira fase será de formación en alternancia coa práctica, a segunda fase será de traballo real en diversas institucións colaboradoras; Aspace, Aspronaga, Pai Menni, Real Institución Benéfico Social Pai Rubinos, Cáritas Interparroquial e Residencia García Irmáns e a terceira fase, o concello incentivará ás empresas para a contratación laboral dos traballadores/ as que superen e obteñan o certificado de profesionalidade que lles permitirá traballar na ocupación.

A duración total do proxecto será dun ano e terá un financiamento de 324.807 euros. Para a súa execución contratarase a un equipo multidisciplinar formado por 6 traballadores/ as: un/a director/a, un/a administrativo/a, dous docentes da rama sociosanitaria, un profesional da orientación laboral e un docente de educación secundaria. O concello de Cambre leva traballando nestes proxectos desde o ano 2012 con magníficos resultados de inserción laboral, neste último ano o índice de inserción fué do 90%.