O departamento organizou o seu Finde Xuvenil, unha saída na que as persoas participantes fixeron chegar as súas propostas e suxerencias para a oferta do 2020.

 

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Cambre organizou a súa Finde Xuvenil, unha actividade de dous días coa que se buscou un dobre obxectivo: facer un balance da oferta anual do departamento e implicar aos mozos para que fagan as súas suxerencia e propostas sobre que iniciativas se poden organizar para o 2020. Decenas de mozas participaron na Finde Xuvenil, que nesta ocasión se realizou na illa de San Simón. Durante esta actividade, as persoas participantes aprobaron con nota a oferta anual da OMIX. Tanto é así, que a maioría valoraron, coa máxima puntuación, os programas do departamento.

Ao longo da fin de semana, houbo espazo para debater e reflexionar sobre as inquietudes e propostas dos mozos e mozas, pero tamén para a diversión. Así, os rapaces puideron tomar parte en actividades náuticas e descubrir a historia da illa de San Simón. O concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, estivo presente nesta iniciativa, e escoitou as propostas dos mozos para o programa do próximo ano. Mallo destacou “a implicación dous mozos e mozas, que non só propuxeron ideas e propostas relacionadas coa OMIX, senón tamén co funcionamento xeral do Concello”.

Entre as suxerencias presentadas, os participantes expuxeron a necesidade de mellorar o skatepark de Cambre, de fomentar os deportes na rúa, impulsar o tren de proximidade e incrementar as frecuencias do autobús entre A Coruña e Cambre. Así mesmo, propúxose a creación dun Cityplan dirixido a menores de idade, e a organización de viaxes á neve, de roteiros para facer o Camiño de Santiago, e de saídas ás Termas de Ourense, entre outras.

Medio centenar de actividades
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Cambre organizou, ao longo do 2019, un total de 52 actividades para os mozos do municipio. Todas as iniciativas que levaron a cabo estaban enmarcadas dentro dos programas municipais Vente de marcha, Este finde teño plan, TDI, Trans-fórmate, O verán xa está aquí, Mocearte, Tarxetom, Casa da Xuventude, Correspondentes xuvenís e Información xuvenil.

As próximas iniciativas da OMIX de Cambre serán un taller de cociña vegana (16 de novembro) e un roteiro de sendeirismo para coñecer o Freixo de Montepando (23 de novembro).