O Concello de Cambre iniciará este sábado, 9 de novembro, o período de votación do Decidámolo Xuntos. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas do municipio fixeron chegar as súas propostas para confeccionar os próximos orzamentos municipais. Esta primeira fase –presentación de propostas- pechouse asinando un novo éxito en termos de participación: en total, o Concello recibiu 630 achegas por parte dos cambreses e cambresas, unha cifra que confirma a consolidación e a gran aceptación do programa municipal. A partir do sábado, os veciños e veciñas poderán votar por tres propostas de investimento –entre as 7 achegas veciñais que obtiveron unha maior puntuación durante a fase de avaliación-.

Nas últimas semanas, os equipos técnicos municipais estudaron todas as proposicións que os veciños e veciñas fixeron chegar na primeira fase do programa. En concreto, as achegas foron valoradas segundo a súa viabilidade, é dicir, tendo en conta se se trataba de propostas de investimento e se resultaban de competencia municipal. As sete propostas consideradas como viables alcanzaron unha puntuación mínima de 55 puntos en base aos criterios técnicos, e son as que a continuación se expoñen:

  • Sinalización de rúas non termo municipal
  • Cambio de xanelas e estores de tea no local da Asociación de Veciños de Santa María de Vigo
  • Asfaltado dun camiño entre Altamira e Anceis
  • Creación dunha área de autocaravanas
  • Asfaltado de estrada en Cobazas
  • Arranxo do parque na parroquia de Andeiro
  • Asfaltado da estrada do Bosque a Bribes Pequeno

Para dar o seu voto, os veciños e veciñas deberán escoller as súas 3 propostas outorgando as puntuacións de 3, 2 e 1 punto en función da prioridade que lle concedan a cada proposta. O período de votación estará aberto ata o próximo 17 de novembro. Para efectuar o seu voto, os veciños e veciñas dispoñerán da páxina web https:// decidamoloxuntos.cambre.es/ e da aplicación móbil.

Aquelas propostas que reciban unha maior puntuación, sumando a parte referida aos criterios técnicos e a obtida mediante a votación veciñal, serán as que se inclúan no proxecto inicial dos orzamentos municipais do 2020.

O alcalde, Óscar García Patiño, cualificou as cifras de participación desta nova edición como “moi positivas”. O rexedor incidiu no compromiso do Concello por seguir apostando por este tipo de medidas, “coas que se busca que os veciños e veciñas involúcrense nas decisións políticas e fagan chegar as súas demandas e necesidades”.

Debido a unha serie de inconvenientes técnicos, o Concello de Cambre tivo que modificar os prazos da fase de votación.