O rexedor cambrés recibiu hoxe a Javier Losada, a quen agradeceu o seu compromiso e predisposición “para facer realidade este proxecto, que era unha das nosas grandes demandas”.
O alcalde aproveitou a visita para solicitar, ademais, a creación de beirarrúas na N-550, entre Anceis e a contorna do Outlet de Culleredo.

O cruzamento da Rocha, na N-550, lucirá pronto unha imaxe completamente renovada grazas aos traballos de reforma da intersección, que arrincaron a finais do mes de agosto. O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, recibiu hoxe, luns 9 de setembro, ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para supervisar o inicio destas intervencións. Ao encontro co delegado acudiron, así mesmo, o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, o concelleiro de Educación e Medio Ambiente, Miguel Ángel Gutiérrez Nieto, a concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, e a responsable de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero.

O inicio das obras responde a unha vella demanda que o equipo de goberno levaba anos solicitando e que pronto se converterá nunha realidade. Este proxecto, que conta cun orzamento total de 800.000 e cun prazo de execución de 12 meses, supoñerá a transformación do cruzamento actual para crear unha rotonda completa. Actualmente, este punto dispón dunha intersección con tipoloxía de glorieta partida semaforizada. Os traballos contemplan a construción dunha rotonda completa, que mellorará non só a funcionalidade, senón tamén a capacidade de tráfico e a seguridade viaria nesta zona.

FOTO CAMBRE- Óscar García Patiño y el delegado del gobierno supervisan el inicio de las obras en A Rocha 2

As obras contan cun orzamento total de 800.000 euros e cun prazo de execución de 12 meses

Durante a visita, o rexedor mostrou o seu agradecemento a Losada por “a súa predisposición para facer realidade este proxecto, que era unha dás nosas grandes demandas. É unha obra fundamental que suporá unha importante mellora na seguridade”, sinalou García Patiño.

Pola súa banda, Losada indicou que esta obra “cumpre o compromiso do Ministerio de Fomento para eliminar puntos negros e para suprimir tramos de concentración de accidentes”.

Beirarrúas na N-550

García Patiño aproveitou a ocasión para trasladarlle ao delegado do Goberno a necesidade de seguir mellorando as condicións de seguridade viaria na N-550. Así, o rexedor solicitou a creación de senllas peonís entre Anceis e a contorna do Outlet de Culleredo ao seu paso pola N-550.