O rexedor e o  concelleiro de Urbanismo, Juan González Leirós, visitaron hoxe as  rúas Teresa Herrera e Ánxel Fole no Temple. Así mesmo, desprazáronse ata A Barcala para comprobar os progresos das obras na  praza 1º de  Maio.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, desprazáronse hoxe ata A Barcala e O Temple para comprobar o avance das obras que o Concello está a acometer nestas zonas. Por unha banda, no Temple está a realizarse un proxecto de rexeneración urbana que supoñerá un importante cambio estético na zona e unha mellora considerable nas condicións de seguridade, accesibilidade e ordenación. Polo outro, o Concello segue avanzando nas obras da praza 1º de Maio. Tal e como sinalou García Patiño, “trátase de dous proxectos fundamentais cos que o goberno local espera seguir mellorando os servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas do municipio”.

O plan de rexeneración urbana no Temple contempla obras nas rúas Teresa Herrera, Ánxel Fole, Luis Seoane, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Francisco Rodríguez, Celso Emilio Ferreiro e Párroco Manuel Cobas. O Concello rematou, antes das festas de Nadal, as intervencións en Luis Seoane e nunha primeira fase de Ánxel Fole. Agora, está a traballarse en Teresa Herrera e na segunda fase de Ánxel Fole.

O proxecto que o Concello está a acometer no Temple implicará, fundamentalmente, os seguintes traballos: rehabilitación do firme en todas as rúas, redefinindo as seccións de cada unha para a optimización de aparcamentos e a mellora da circulación peonil e rodada, renovación dos pavimentos das beirarrúas –dotándoos de ancho suficiente para mellorar o tránsito peonil- e redeseño dos pasos de peóns, que se sobreelevarán para diminuír a velocidade dos vehículos, conseguindo así itinerarios peonís continuos e seguros. Así mesmo, implicará a reposición da iluminación actual –apostando pola tecnoloxía LED-, a instalación de novo mobiliario urbano e a colocación de arboledo en varios puntos.

Doutra banda, as obras que se están realizando en 1º de Maio buscan redefinir todo o espazo para devolverlle á praza o uso de espazo público de lecer, atraendo así aos veciños e veciñas da zona para que fagan uso deste espazo. Neste caso, o rexedor requiriu á empresa adxudicataria que dedicase “máis medios, tanto materiais como persoais, para rematar este proxecto no menor tempo posible”.