Este proxecto está financiado pola Xunta a través da Dirección Xeral de Inclusión Social e do Programa operativo do Fondo Social Europeo, e conta cun orzamento de 57.648, 62 euros. Enmárcase dentro da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 e do programa Operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014- 2020 co obxectivo de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social.

Previr e diminuír as situacións de desigualdade entre os veciños e veciñas do municipio é, sen dúbida, unha das máximas do goberno local. Para conseguilo, o Concello pon en marcha programas e iniciativas cos que busca dar resposta ás necesidades e promover a inclusión social dos cambreses e cambresas. O Concello arrincou, no 2018, o proxecto Prisma para potenciar a inserción laboral e social dos mozos que se atopan fóra do sistema educativo regrado. Agora, o Concello acaba de dar o pistoletazo de saída a Píllara, un programa que se centrará en mellorar a inclusión social das familias en risco de exclusión social do municipio.

O salón de plenos da casa do concello acolleu hoxe a presentación de Píllara, á que acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, a concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, e técnicos do departamento de Servizos Sociais. Este proxecto leva dous meses en marcha, e céntrase en desenvolver medidas de intervención socioeducativa das familias en risco de exclusión social: emigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, minorías étnicas, familias monoparentais, persoas en situación de desemprego de longa duración, unidades familiares sen emprego, familias nas que haxa problemas de saúde grave, persoas con diversidade funcional, etc. Tal e como explicou Sanguiñedo durante a súa intervención, o programa atópase en “fase de implantación, e ata a data, atendeuse a 62 persoas perceptoras de axudas municipais”.

Co fin de cumprir cos obxectivos do proxecto, as liñas de actuación de Píllara serán as seguintes:

  • Ofrecer atención individualizada e apoio psicosocial a cada usuario ou usuaria
  • Organizar actividades de educación e apoio familiar
  • Realizar un seguimento de itinerario de inserción sociolaboral
  • Derivar a outras axencias e organizacións que ofrecen servizos especializados en Cambre como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, orientación laboral ou de emprendemento, etc.
  • Organizar talleres para mellorar as habilidades e a empregabilidade

Como se concluíu na presentación, un dos valores engadidos de Píllara reside, precisamente, na súa dobre vertente: por unha banda, realízase unha intervención individualizada de cada usuario e usuaria pero, polo outro, leva a cabo unha análise das necesidades principais dos veciños e veciñas, buscando patróns en común para adoptar unhas ou outras medidas. O Concello contará cunha educadora social a dedicación completa ata xuño do 2021.

Este proxecto está financiado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Inclusión Social e o Programa operativo do Fondo Social Europeo, e conta cun orzamento de 57.648, 62 euros. Píllara enmárcase dentro da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 e do programa Operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014- 2020 co obxectivo xeral de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social.

Os veciños e veciñas interesados en recibir máis información sobre este proxecto poden contactar cos Servizos Sociais do Concello de Cambre no teléfono 981 65 48 12 ou no correo electrónico ser_sociales@cambre.org.