Por medio desta iniciativa, os locais ou comercios do municipio poderán organizar concertos e espectáculos no exterior dos seus establecementos. Pola súa banda, o  Concello encargarase de coordinar e difundir estes eventos.

O goberno local segue traballando para poñer en marcha actuacións e iniciativas que sirvan para dinamizar e promover o tecido comercial e hostaleiro do municipio. Baixo esta premisa, o Concello deu hoxe o pistoletazo de saída á súa nova proposta: Son de bares. O éxito deste novo programa dependerá do traballo coordinado entre os locais de hostalería e comercios adheridos ao proxecto e o Concello. Por unha banda, os establecementos que se somen a Son de bares poderán organizar concertos e outros eventos artísticos ao aire libre. Pola súa banda, o Concello encargarase da difusión e coordinación destes espectáculos.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, presentaron hoxe esta nova proposta, coa que esperan “favorecer á promoción económica do municipio”. Tal e como indicou o rexedor, “trátase dun proxecto novo deste mandato co que pretendemos dinamizar a economía do concello”. Durante a súa intervención, Alcantarilla Rei comentou que Son de bares responderá as peticións dos propios donos e donas dos negocios, “que mostraran o seu interese en organizar concertos e outras actuacións artísticas na parte exterior dos seus establecementos”. Como apuntou García Patiño, espérase que Son de bares sirva, ademais, “para dar a coñecer o gran talento dos grupos locais de Cambre”.

Todas as actuacións terán lugar en horario de sesión vermú –pola mañá ou pola tarde- e poderán realizarse calquera día da semana. Nalgúns casos, será só un local o organizador do evento, mentres que noutros poderán selo os negocios ou comercios dunha rúa ou praza. O Concello deberá patrocinar e coordinar as actuacións co obxectivo de que non se solapen as datas e/ou as horas de espectáculos similares para que a oferta sexa o máis ampla posible e sen competencias innecesarias. Ademais, tal e como adiantou o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, destinarase unha partida para “a difusión deste novo programa”. Con ela espérase adquirir unha carpa para os eventos, material gráfico do Son de bares e fly banners, entre outros elementos.

O Concello realizou xa unha experiencia piloto nun dos locais do municipio. Este negocio organizou un concerto a cargo do grupo Os claretes, asinando un “gran éxito de asistencia”. Tanto é así, que o establecemento esgotou as súas existencias debido á gran afluencia de clientes e clientas que atraeu a función.

Os comercios e locais de hostalería interesados en adherirse a esta iniciativa poderán contactar coa Axencia de Desenvolvemento Local, impulsora desta iniciativa, no teléfono 981 61 31 96 ou no correo electrónico adl@cambre.org.