O Servizo de Emerxencias e Protección Civil poñerá en marcha, a próxima semana, unha campaña de recollida de material técnico, de protección e de produtos de aseo para os afectados polo volcán da Palma. A iniciativa parte do departamento de Protección Civil da illa, Los Llanos de Aridane e El Paso a través da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociación de Voluntarios de Protección Civil de España.

As persoas interesadas en sumarse á campaña poderán realizar as súas doazóns no rexistro do Temple, nas antigas instalacións da OMIX e na propia base de Protección Civil. Así, habilitarase un punto de recollida no rexistro do Temple os martes e xoves de 10.00 a 14.00 horas e no de Cambre os mércores e venres, tamén de 10.00 a 14.00 horas. Máis aló desas datas e localizacións, os veciños e veciñas poderán achegarse á base do Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cambre (Campóns nº 6A) todos os días de 8.00 a 22.00 horas.

Entre os materiais máis solicitados atópanse os técnicos (cascos, máscaras, lanternas, pantalóns de traballo, chalecos, camisetas, polos, botas, etc.) así como outros dirixidos á poboación como toallas, sabas, útiles de aseo persoal para persoas adultas e nenos, etc.