concellería de Cultura do Concello de Cambre presenta as recomendacións de libros da semana, especial Día das Letras Galegas. Estas propostas semanais son obra das auxiliares de biblioteca María Vázquez, Rosa, María Fariña e Vanessa.

  • O ceo das reixas, Eli Ríos. É un relato breve pero de intenso simbolismo. Preséntanos un estrano encontro entre dúas mulleres no cárcere, un diálogo donde o feminino non é casualidade. Unha lectura na que te deixas levar…
    “Por que? Quen? No cuarto non había ninguén. Como fuxiu tan rápido? Por onde? Na prisión todo son portas que se abren e pechan. Acaso non escoitou renxer os gonzos? Estaría perdendo o sexto sentido? Lagoas na memoria? Tiña algo errado dentro da súa cabeza? Fenómenos paranormais? Algunha vez tiña oído que a pantasma dunha reclusa saía polos canos do váter e amendrentaba o persoal, pero a ela nunca lle coincidira. Murmuraban as linguas maldicentes que unha das internas conseguira enforcarse coa mirada perdida aló fóra. Entre o ceo das reixas”.
  • Os nenos da variola, María Solar. A finais do século XVIII cando se descubriu a vacina da variola, esta seguía sendo unha das enfermidades epidémicas con maior índice de mortalidade. En novembro de 1803, parte da Coruña a expedición Balmis-Salvany, co obxectivo de espallar a campaña de vacinación ás colonias de América e Asia. A vacina inxectábase na pel, pero como a travesía era longa foi necesario crear unha cadea humana, pasándoa de brazo en brazo. O doutor Balmis escolleu a 22 cativos dos hospicios de Santiago e A Coruña, pois nos pequenos a vacina funcionaría mellor por ter o sistema inmunolóxico menos desenvolto. María Solar achéganos a eses pequenos heroes anónimos e involuntarios, pois non atoparon nais que cedensen aos seus fillos coma cobaias e que acabaron sendo os protagonistas da primeira expedición filantrópica da historia. Un relato para o público tanto xuvenil coma adulto que podedes atopar en GaliciaLe.