Augas de Galicia enviou, o 17 de xuño, un novo texto ao Concello para formalizalo. O paso previo é a aprobación do documento na sesión plenaria.
Como explica o alcalde, Óscar García Patiño, co obxectivo de solucionar esta situación o máis axiña posible, “puxemos todo da nosa parte para que este acordo poida materializarse  dunha vez por todas”.

O Concello celebrará mañá, xoves 2 de xullo, un pleno de carácter extraordinario no que se presentará o novo convenio con Augas de Galicia para o acondicionamento do río Mero. Este documento xa fora aprobado no mes de decembro de 2019 pola corporación municipal. Con todo, o pasado 17 de xuño, Augas de Galicia remitiu un novo texto que o goberno deberá aprobar novamente na sesión plenaria. Segundo indicacións de Augas de Galicia, co fin de incluír a aprobación do convenio na última sesión do Consello da Xunta deste mandato, o Concello debería remitir a súa conformidade con este documento o 3 de xullo. Para cumprir co prazo, o goberno local viuse obrigado a convocar un pleno extraordinario para mañá.

O 16 de abril, o rexedor enviou un escrito a Augas de Galicia requiríndolle a “sinatura urxente” do convenio entre a entidade e o Concello de Cambre para o mantemento do río Mero. Pola súa banda, Augas de Galicia comunicou ao Concello que se estaba “a tramitar  formalización da entrega das obras de acondicionamento do río Mero a Augas de Galicia”. No mail explicábase, ademais, que “en tanto non se formalizase a dita entrega, non pode asinarse ou convenio con ese Concello nos termos inicialmente previstos”.

Como lembra García Patiño, “a sinatura deste convenio é un asunto urxente, xa que o estado actual do paseo fluvial impide que se poidan gardar as distancias de seguridade entre os viandantes e ciclistas”. Co obxectivo de solucionar esta situación o máis axiña posible, “puxemos todo da nosa parte para que este acordo poida materializarse dunha vez por todas”, explica o rexedor.

O acordo de colaboración que se presentará no pleno de mañá ten unha vixencia de catro anos. Augas de Galicia achegaría 40.000 euros anuais –un total de 160.000 en todo o período- cos que o Concello podería xestionar o mantemento das motas laterais do río Mero, asumindo os seguintes traballos: roza selectiva de ambas as marxes, retirada de especies de árbores en mal estado, reperfilado de cunetas e noiros, reparación do firme das motas, etc.