Como se adoita dicir, a unión fai a forza. Esta e outras frases marcaron, sen lugar a dúbidas, o compás das últimas semanas. Pero o certo é que nesta situación, estas expresións cobran máis importancia que nunca. Como sabedes, o estado de alarma vaise prolongar varias semanas máis. Quédannos por diante días nos que teremos que estar unidos e unidas para vencer ao COVID-19.

Levades semanas en loita desde os vosos fogares. Días e días batallando polos vosos familiares, polas vosas amistades e, en definitiva, por todos e todas. Son plenamente consciente de que a situación non é doada, pero non podemos baixar a garda.

Alguén escribiu unha vez que Antes de entrar nunha batalla hai que crer no motivo da loita. Penso que falo por todos e todas cando digo que hai unha e mil razóns para seguir batallando. Fagámolo polos nenos e nenas, que están comportándose como auténticos heroes e heroínas nesta crise. Fagámolo polas persoas maiores, que agora nos necesitan máis que nunca. Fagámolo tamén polo persoal sanitaria, polo da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e polos que seguen acudindo, día a día, aos seus traballos. Fagámolo, en definitiva, polos que non paran para que nós poidamos facelo.

Tédeo claro, non estades sós e soas. O goberno local e toda a corporación municipal do Concello de Cambre está convosco. Por iso, estamos a poñer en marcha todas as medidas ao noso alcance. Habilitamos un servizo de entrega a domicilio de alimentos e medicinas dirixido aos colectivos máis vulnerables do municipio. Puxemos á disposición da veciñanza un servizo de atención psicolóxica e terapéutica. Creamos un servizo de impresión e entrega a domicilio dos traballos escolares co fin de que o confinamento non afecte, nin moito menos, ao futuro de Cambre: os nenos e nenas. Arrincamos un plan de desinfección nos espazos públicos máis concorridos do municipio. E non podo esquecerme das persoas autónomas, dos comerciantes e hostaleiros, a forza motora do noso municipio. Sabede que estamos estudando, desde xa, as próximas medidas que o Concello de Cambre tomará para axudarvos a volver á normalidade. Estas complementaranse coas que adopten as administracións estatal, autonómica e provincial. En definitiva, seguimos aí por e para vós.

Entre todos e todas recuperaremos a normalidade. Estade seguros e seguras disto: volveremos encher o paseo marítimo para facer deporte ou, simplemente, para pasear. De seguro, volveremos encher os bares do municipio e a facer as compras nos comercios locais. Percorreremos, de novo, o paseo fluvial do Río Mero. Os nenos e nenas encherán de novo os parques infantís. Gozaremos das nosas festas e volverá soar a música nas nosas verbenas. Volveremos saír ás rúas e valoraremos, con máis forza, todo o que nos rodea.

E mentres ese momento non chega, mándovos todo o ánimo e a forza do mundo e anímovos a seguir quedando na casa, por vós mesmos e por todos e todas.

Óscar García Patiño

Alcalde do Concello de Cambre.