O concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, recibiu, esta mañá, ao delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor.

Unha senda peonil e ciclista conectará A Xira co núcleo urbano de Cambre pola AC-214. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de sacar a licitación o proxecto para construír esta nova infraestrutura por 521.000 euros. O concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, recibiu, esta mañá, ao delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, que se desprazou ao municipio para visitar o lugar onde se realizarán estas intervencións. González Leirós sinalou a importancia deste proxecto, que “mellorará enormemente a seguridade viaria neste punto, tanto para o tráfico rodado como para os viandantes”.

Este itinerario, de 1,3 km de lonxitude, realizarase entre os puntos quilométricos 7+220 e 8+540, conectando así os núcleos de poboación e zonas de equipamentos e servizos. A actuación formularase como unha senda de 2 metros de ancho que discorrerá ao longo da marxe esquerda da estrada autonómica, executándose entre os treitos xa existentes para atravesar a ponte sobre o río Mero e terminar no punto 8+540.

Esta senda transcorrerá tanto por treitos rústicos como urbanos. Nestes últimos, o proxecto incluirá a reparación das beirarrúas existentes procedendo, para iso, ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Así mesmo, acondicionarase a contorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605. Como parte da intervención proxéctase, así mesmo, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude e de altura variable de 1 a 2,5 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río.