O Centro Municipal de Formación do Concello de Cambre acolle, ao longo de todo o curso, unha ampla oferta formativa. Dentro deste abanico, o Concello organiza dúas accións formativas dirixidas a persoas desempregadas: por unha banda, o curso de Soldadura oxigás e soldadura MIG MAG e, polo outro, outro de Soldadura con eléctrodo revestido e TIG. Estes programas formativos están subvencionados pola Xunta e Galicia a través do Plan de Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados (AFD). Trinta alumnos e alumnas dos cursos recibirán hoxe, martes 11 de febreiro, o certificado básico en Prevención de Riscos Laborais ( PRL), un módulo obrigatorio en ambas as formacións.

Para conseguir o título, os estudantes recibiron 60 horas de formación especializada en PRL, que se impartiron previamente aos contidos vinculados á soldadura. Os alumnos e alumnas recibiron un certificado oficial emitido por unha entidade acreditada pola Fundación Laboral de Construción.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, e a docente do módulo de Prevención de Riscos Laborais foron os encargados de entregar estas certificacións ao alumnado. Alcantarilla Rei aproveitou a ocasión para felicitalos por “o seu esforzo e dedicación”, e animounos a seguir “traballando da mesma forma ao longo de todo o programa formativo”.