As instalacións funcionarán, unicamente, para ofrecer os seguintes servizos: préstamo e devolución de libros e información bibliográfica e bibliotecaria.
Co fin de reabrir coas máximas garantías, elaborouse un protocolo de seguridade. Como explica a concelleira de Cultura, Mónica Varela, “o obxectivo é seguir ofrecendo esta prestación esencial, pero sempre garantindo a protección dos usuarios e usuarias e dos traballadores e traballadoras destas dependencias”.

Tal e como estaba previsto, o Concello de Cambre reabriu hoxe, luns 18 de maio, as bibliotecas municipais Os Templarios e Xabier P. Docampo. Iso si, co obxectivo de garantir a maior seguridade tanto para os usuarios e usuarias como para o persoal traballador, estas instalacións están a funcionar, unicamente, para ofrecer os seguintes servizos: préstamo e devolución de fondos bibliográficos e información bibliográfica e bibliotecaria á cidadanía. Para realizar a reapertura coas máximas garantías de seguridade, elaborouse un protocolo de actuación con directrices e medidas preventivas. Entre elas, o documento indica que os veciños e veciñas deben solicitar cita previa para acceder ás bibliotecas con, polo menos, 24 horas de antelación. Ata o momento, rexistráronse preto de 20 solicitudes entre as dúas dependencias.

Como explica a concelleira de Cultura, Mónica Varela, “elaboramos o protocolo co obxectivo é seguir ofrecendo esta prestación esencial sen deixar de garantir a protección dos usuarios e usuarias e dos traballadores e traballadoras destas dependencias”. O documento reflicte as seguintes medidas:

• En canto a horarios, a biblioteca Xabier Docampo abrirá de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. A biblioteca Os Templarios estará aberta de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. A sala infantil desta instalación estará dispoñible os xoves, en horario de mañá, e todas as tardes de luns a venres.

• Para solicitar cita previa, os veciños e veciñas dispoñen dos correos bibliotecaostemplarios@cambre.org (número de teléfono da biblioteca Os Templarios para máis información 981 66 14 58) e bibliotecaxabierdc@cambre.org (número de teléfono da biblioteca Xabier P. Docampo para máis información 981 66 52 36).

• Ao solicitar cita, os usuarios e usuarias poderán facer a reserva anticipada da súa obra. O Concello atenderá todas as solicitudes segundo a orde de chegada e comunicarase coa persoa solicitante polo mesmo canle –xa sexa a través de correo electrónico ou teléfono-.

• Os cambreses e cambresas que desexen devolver un exemplar poderán facelo depositando o libro nos buzóns instalacións.

• Co fin de evitar concentracións, os préstamos pendentes de devolución entre o 17 de febreiro e o 13 de marzo –15 días antes do decreto do estado de alarma- quedarán prorrogados ata o 11 de xuño. Con esta medida, os veciños e veciñas terán unha ampla marxe de tempo para realizar as súas devolucións.

• As instalacións non poderán utilizarse para o estudo, e tampouco se realizarán actividades culturais ou préstamo interbibliotecario. Así mesmo, non está permitido facer uso dos computadores e medios informáticos nin de catálogos de acceso público online ou en ficha.

• O persoal da biblioteca proporcionará as obras solicitadas aos usuarios e usuarias. Unha vez consultadas, depositaranse nun lugar apartado e estarán separadas entre si durante, polo menos, catorce días.

• As coleccións en libre acceso permanecerán pechadas ao público. Soamente poderase acceder a elas no relativo á literatura infantil. Neste caso, os nenos e nenas estarán acompañados polo persoal bibliotecario e non poderán tocar as coleccións.

Ademais destas directrices, recoméndase aos veciños e veciñas que acudan sós ou soas ás bibliotecas. Os menores de 14 anos poderán acceder ás instalacións a condición de que estean acompañados por unha persoa adulta.

Atendendo ás recomendacións dos organismos sanitarios con respecto ás medidas hixiénicas, os veciños e veciñas terán que desinfectarse as mans con xel hidroalcohólico para acceder ás dependencias. En canto ao uso da máscara, os usuarios e usuarias deberán portalas e utilizalas, sempre que sexa posible, durante todo o tempo de circulación no interior destes edificios. Por último, as persoas deberán manter, en todo momento, a distancia interpersoal de 2 metros con outros usuarios e usuarias e co persoal traballador. O persoal das bibliotecas estará provisto, así mesmo, de pantallas de protección facial.