O Concello de Cambre aprobou o luns 8 de xullo en sesión plenaria os detalles organizativos da nova corporación municipal. Durante o pleno, fíxose efectiva a constitución do novo equipo de goberno, que conformarán os partidos de Unión por Cambre -con oito concelleiros- e o PSOE -con catro-. O alcalde, Óscar García Patiño, sinalou que este pacto servirá para continuar co traballo dos últimos anos e para “garantir o presente e o futuro do municipio”.

Tal e como se explicou durante a sesión, a estrutura de goberno será a seguinte:

  • Área de Presidencia: Óscar García Patiño

      – Desenvolvemento Asociativo: María del Carmen Pan Matos

      Turismo e Patrimonio: Ramón Boga Moscoso

  • Área de Urbanismo e Obras: Juan González Leirós
  • Área de Economía, Facenda e Recursos Humanos: María Dolores Pan Lesta
  • Área de Servizos e Seguridade Cidadá: Elisa Pestonit Barreiros
  • Área de Cultura, Deportes e Xuventude: Daniel Mallo Castro

      Cultura: Mónica Varela Germade

  • Área de Educación, Medio Ambiente, Mobilidade e Sanidade: Miguel Ángel Gutiérrez Nieto

      Mobilidade e Medio Ambiente: Patricia Parcero Quiñoy

  • Área de Benestar Social: Lúa Sanguiñedo Álvarez
  • Área de Desenvolvemento Socioeconómico: Diego Alcantarilla Rei

Na sesión aprobouse a proposta dos cargos da corporación para desempeñar en réxime de dedicación exclusiva e parcial, as retribucións e as contías para percibir en concepto de asistencias e dedicacións. En total, haberá 9 dedicacións exclusivas, 1 dedicación parcial -a do rexedor- e dous por asistencias. Por unha banda, a retribución para alcaldía será de 35.000 euros, a de Urbanismo de 40.000 euros e o resto de dedicacións exclusivas de 29.000 euros. En canto ás retribucións por asistencia, presentouse o seguinte: 200 euros por asistencia a plenos, 150 euros por comisión informativa, 250 euros por xunta de portavoces e 250 por xunta de goberno local. A medida aprobouse cos votos a favor de UxC e do PSOE, coa abstención do BNG e cos votos en contra de Alternativa dos Veciños, PP, Ciudadanos e Esquerda Unida. Tamén se aprobou a periodicidade das sesións plenarias -últimos xoves de mes ás 20.00 horas- e das Xuntas de Goberno Local -cuxas sesións ordinarias celebraranse unha vez por semana-. A periodicidade dos plenos aprobouse cos votos a favor de todos os partidos políticos a excepción do BNG, que se abstivo. Doutra banda, a proposta das Xuntas de Goberno Local quedou aprobada cos votos favorables de Unión por Cambre e do PSOE, co voto en contra de Ciudadanos e coas abstencións de PP, Alternativa dos Veciños, BNG e Esquerda Unida.

A sesión serviu, así mesmo, para dar conta da composición da Xunta de Goberno Local, e de las tenencias de alcaldía:

  • Juan González Leirós, primeiro tenente de alcalde
  • Lúa Sanguiñedo Álvarez, segunda tenente de alcalde
  • Elisa Pestonit Barreiros, terceira tenente de alcalde
  • Miguel Ángel Gutiérrez Nieto, cuarto tenente de alcalde
  • Daniel Mallo Castro, quinto tenente de alcalde
  • María Dolores Pan Lesta, sexta tenente de alcalde
  • Diego Alcantarilla Rei, sétimo tenente de alcalde

A sesión serviu tamén para dar luz verde ao nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados. A proposta aprobouse cos votos a favor de UxC e PSOE, co voto en contra de Ciudadanos e coas abstencións de Alternativa, PP, BNG e EU. Ademais, aprobouse a creación e composición das comisións informativas permanentes, da comisión especial de contas e da comisión informativa especial de honras e distincións. A proposta recibiu o voto favorable de UxC e do PSOE e a abstención do resto de agrupacións.

Por último, aprobouse a proposta de alcaldía sobre o persoal eventual coa abstención do BNG e o voto en contra do PP, Alternativa, EU e Ciudadanos e cos votos a favor de UxC e do PSOE. Aprobáronse tamén as dotacións económicas a grupos políticos. A proposta reflicte que cada agrupación política perciba 2.000 euros ao ano fixos e outros 1.000 euros por cada membro que o integra.