Proxecto para construír un paso de lontras baixo a AC-221

Para que exista a vida, necesítanse certas condicións para que esta poida desenvolverse e completar os seus ciclos, e unha das máis fundamentais é o espazo. Mostra disto é que na actualidade unha das causas máis importantes de perda acelerada da biodiversidade é a fragmentación, destrución e degradación de hábitats.

Como ocorre no caso que se vai presentar a continuación, en moitas ocasións a infraestrutura de transporte ten un gran impacto sobre a conectividade, xerando un efecto barreira para algunhas especies que necesitan desprazarse xa sexa para buscar alimento, calor, parella para a reprodución ou simplemente para realizar percorridos diarios desde un tipo de hábitat a outro.

Por todo isto, as Administracións temos o deber de minimizar o impacto destas construcións, e unha maneira é favorecer a permeabilidade mediante a construción de estruturas de conectividade como son os pasos de fauna.

Paso de lontras

O Encoro de Abegondo-Cecebre é un espazo natural do noso Concello que está protexido tanto a nivel europeo como a nivel internacional por varias figuras que destacan o valor ambiental da área: Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Zona Especial de Conservación e Zona Núcleo da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Este espazo natural abarca unha ampla variedade de ambientes acuáticos, entre eles bosques aluviais de ribeira, diferentes comunidades de vexetación acuática, prados, e campiña tradicional en xeral, o que resulta un fogar ideal para unha gran diversidade de invertebrados pero tamén para vertebrados de gran interese como a lontra,

Por desgraza, a pequena poboación desta especie que habita no noso Encoro empezou a verse afectada polo tránsito de coches na estrada AC-221, concretamente no lugar de paso que utilicen as lontras entre o río Mero e á lámina de auga do Encoro. Nun período de 12 meses (xaneiro 2017 – xaneiro 2018) chegáronse a rexistrar polo menos catro atropelos mortais de lontras, aos que se sumou un máis este último ano.

Ante esta situación na que se está a por en perigo a conservación desta especie, o Concello de Cambre viuse na obrigación de adoptar una solución a prol da defensa da biodiversidade e a riqueza natural deste espazo.

Tras facer diversas consultas e acadar varios estudos de profesionais deste ámbito, optouse pola creación dun paso de fauna.

Estos pasos son estruturas que permiten aos animais cruzar barreiras feitas por humanos de forma segura, polo que son empregados ao redor de todo o mundo co fin de corrixir os impactos que a infraestrutura pode producir sobre a fauna que existe nunha zona, á vez que se aumenta a seguridade para os usuarios da vía.

No caso concreto do noso Concello, estase a crear un paso inferior para pequenos vertebrados que poidan empregar as lontras, outros carnívoros de pequeno e mediano tamaño, así como réptiles. Para este paso vaise crear unha canle por baixo da estrada AC-221, coincidindo co punto de paso rexistrado e de maior frecuencia de atropelos. Desta maneira eliminarase este punto negro de mortalidade para as lontras e volverase a converter o Encoro nun lugar seguro para elas.

Con esta e con outras acción, desde o Concello de Cambre queremos seguir apostando polo fomento da infraestrutura verde na que este tipo de pasos constitúen unhas pezas craves. Porque un desenvolvemento verdadeiramente sostible non debe de pasar por alto a conservación da biodiversidade, e a única maneira de facelo é asegurando que se lle asigne suficiente espazo para que así a vida na súa diversidade de formas poida proliferar.

Para a posta en marcha deste proxecto o Concello de Cambre conta coa confinanciamento da Unión Europea a través das axudas convocadas ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas con  Feader non marco  do Programa de  desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.