O Concello de Cambre abre o prazo de presentación de solicitudes para axudas ás familias de Cambre que cumpran determinados requisitos, sendo subvencionables os gastos derivados da compra de libros de texto, material escolar e uniformes escolares segundo o curso ao que lle corresponda:

  • Alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil: Libros de texto, material escolar e uniformes escolares (de ser o caso) ou vestiario destinado á escolarización.
  • Alumnado de Educación Primaria: uniformes escolares (de ser o caso) ou vestiario destinado á escolarización.
  • Alumnado de Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos: Libros de texto e material escolar.

Non se considerará material escolar para os efectos das presentes bases os gastos de investimentos e de adquisición de aparatos de novas tecnoloxías tales como ordenadores, impresoras, tablets,…

Concederanse 85 bolsas de estudo de 120,00 euros cada unha, destinadas aos alumnos do 2º ciclo de educación infantil, 66 bolsas de 50,00 euros cada unha destinadas aos alumnos de educación primaria e 30 bolsas de 150,00 euros cada unha destinadas aos alumnos de bacharelato, formación profesional e educación secundaria para adultos.

Poderán solicitalas as familias que cumpran os seguintes requisitos:

  • Estar empadroados no Concello de Cambre con anterioridade á presentación da solicitude desta axuda.
  • Estar matriculado nun centro escolar público no curso escolar obxecto da convocatoria.
  • Que os beneficiarios convivan co solicitante da bolsa.
  • Pertencer a unha unidade familiar cunha renda per cápita anual igual ou inferior a 9.000,00 euros.

 

PRAZO PRESENTACION DE SOLICITUDE

O prazo de presentación das solicitudes será do 3 ao 28 de setembro de 2018.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

As solicitudes de subvención deberán presentarse no formulario de solicitude que se facilitará en calquera dos rexistros do Concello, podendo tamén descargarse na páxina web municipal ou recollerse no departamento de Educación:

–  anexo I: Solicitude.
– anexo II: Autorización, asinada por todos os membros da unidade familiar computables maiores de idade, para que o Concello de Cambre poida solicitarlle datos tributarios á Axencia tributaria relativos ao seu nivel de renda (IRPF) do ano 2017, así como autorización do alumno maior de idade de comprobación de estar ao corrente coas súas obrigas tributarias.
– anexo III: Declaración xurada de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social do beneficiario, só alumno/a maior de idade.
– anexo IV: Declaración do solicitante de que a unidade familiar non solicitou nin percibiu outra axuda para a mesma finalidade.
– anexo V: Autorización para solicitar datos á Administración educativa sobre a matrícula realizada no centro escolar no curso 2018/2019.

O formulario de solicitude deberá ir acompañado de:

– Fotocopia do DNI/NIE ou pasaporte do solicitante e dos alumnos beneficiarios (cando por idade teñan obriga de telo).
– Fotocopia  do libro de familia ou documentación que o substitúa.
– Certificado do número IBAN de conta bancario a nome do beneficiario, ou do solicitante se aquel non dispón de conta bancaria da súa titularidade.
– Fotocopia do certificado da matrícula escolar dos alumnos beneficiarios do curso escolar 2018-2019. (Deberá presentarse unicamente por aqueles que non autoricen expresamente a cesión de datos ao Concello).
– Fotocopia ou orixinal de facturas xustificativas dos gastos realizados en concepto exclusivo de material escolar, libros de texto, uniformes escolares e vestiario, emitida a nome do beneficiario, solicitante (ou cónxuxe) da bolsa de estudo.

Deberá presentarse factura ou factura simplificada, na que deberán figurar, en todo caso, os seguintes datos:

  • CIF, NIF ou NIE do establecemento.
  • Datos do titular do establecemento.
  • Data de expedición e número de factura.
  • Data de realización da operación, se non é a mesma que a de expedición.
  • Datos do beneficiario ou solicitante da bolsa de estudo (ou cónxuxe).
  • Concepto do adquirido detallado.
  • Prezo unitario de cada concepto e número de unidades adquiridas
  • Tipo impositivo, ou expresión “IVE incluído”.
  • Importe total.
  • Deberase acreditar o pago da factura ou ben constar na mesma a expresión “PAGADO”.

 

A factura deberá estar individualizada por beneficiario (alumno/a) e o concepto desagregado e detallado. Os tiquets non terán validez como xustificantes válidos de gasto.

Levar só os orixinais xa que as fotocopias se farán no rexistro municipal no momento de presentar a documentación.

As bolsas de estudo serán concedidas segundo o baremo seguinte:

  1. Por pertencer a unha unidade familiar cunha renda per cápita anual igual ou inferior a 2.500,00 euros. 25 puntos
  2. Por pertencer a unha unidade familiar cunha renda per cápita entre 2.500,01 euros e 4.500,00 euros, ambos incluídos. 15 puntos
  3. Por pertencer a unha unidade familiar cunha renda per cápita anual entre 4.500,01 euros e 9.000,00 euros, ambos incluídos. 10 puntos
  4. Por presentar, un ou máis membros da unidade familiar, algunha minusvalía (por membro discapacitado). 3 puntos
  5. Por ter o título de familia numerosa. 2 puntos
  6. Por pertencer a unha unidade familiar, onde falte un dos cónxuxes. 1 punto

 

AS  BASES DAS BOLSAS DE ESTUDO PUBLICÁRONSE NO BOP NÚM. 107 DO XOVES,  7  DE XUÑO  DE 2018