O prazo de presentación de solicitudes será desde mañá, martes 28 de xaneiro, ata o 13 de febreiro –ambos os días incluídos-.

O goberno local comprometeuse, a finais de 2019, a lanzar a nova convocatoria do servizo de bonotaxi no primeiro trimestre de 2020. O equipo de goberno acaba de cumprir con ese compromiso, e desde mañá, martes 28 de xaneiro, os veciños e veciñas do municipio poderán solicitar esta axuda. Esta prestación leva xa varios anos en funcionamento, e está dirixida a persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida.

O bonotaxi é unha axuda económica en forma de bonos que permite aos veciños e veciñas, con problemas de mobilidade, a utilización de taxis para os seus desprazamentos cando non poden utilizar o transporte público colectivo. Desta forma, os beneficiarios desta prestación poderán utilizar estes vales para xestións administrativas –traslados a bancos, xestorías, Concello, Seguridade Social, Facenda, Axencia Tributaria, etc.-, para visitas médicas e para actividades culturais, deportivas, educativas e de lecer.

Na nova convocatoria, o Concello destinará un total de 15.000 euros. A cantidade máxima que os usuarios e usuarias poderán percibir será de 700 euros ao ano. O prazo de presentación de solicitudes será do 28 de xaneiro ata o 13 de febreiro de 2020, ambos inclusive.

Na última convocatoria, foron preto de 20 os cambreses e cambresas que se beneficiaron desta prestación. O obxectivo, tal e como indica a concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, “é seguir apostando por este tipo de axudas e medidas, coas que se mellora, considerablemente, o día a día das persoas con mobilidade reducida”.