O Concello de Cambre pechará hoxe, mércores 25 de setembro, o prazo para a presentación de solicitudes para o programa Consolida Cambre 2019. Esta liña de axudas está dirixida ás persoas que comezaron o seu negocio no ano 2017 e que están de alta como autónomas desde ese ano e de xeito ininterrumpido.

Finalidade: apoiar a consolidación dos proxectos empresariais emprendidos no Concello de Cambre durante o ano 2017, mediante o abono de ata o 100% das cotas efectivamente pagadas nos 12 primeiros meses do exercicio da actividade obxecto de subvención, correspondentes ao RETA ou á mutualidade do colexio profesional de que se trate.

Beneficiarios/as: poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas emprendedoras, sexan autónomas inidividuais ou socios/as de microempresa ou peme, con independencia da súa forma xurídica (para a definición de microempresa e pequena empresa terase en conta o establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014) que reúnan os seguintes requisitos:

  • Que se deran de alta no RETA ou nalgunha mutualidade dos colexios profesionais, ben como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, ou ben como socios/as promotores/as no caso de sociedades mercantís durante o ano 2017 e que sigan de alta, de xeito ininterrumpido dende entón ata a data de solicitude da subvención.
  • Que desenvolvan a súa actividade empresarial no Concello de Cambre nos seguintes termos:
    – No caso de desenvolver a súa actividade a través dun establecemento permanente, que este se atope radicado no termo municipal de Cambre.
    – No caso de que para o exercicio da actividade non se dispoña de establecemento permanente, que o domicilio fiscal da empresa estea no termo municipal de Cambre.
    – No caso de autónomos individuais sen establecemento, entenderase que desenvolven a súa actividade no domicilio que apareza na alta censal (modelos 036 ou 037) ou no domicilio do solicitante.
    – Que non teñan percibido a subvención ao abeiro das convocatorias do Programa Cambre Emprende.
    – Que estean ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello de Cambre, coa Axencia Tributraria  de Galicia, coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), así coma ao corrente das súas obrigas coa Seguridade Social. De conformidade co artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e con estas bases, o Concello de Cambre solicitará as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a Facenda autonómica e o propio Concello de Cambre, para verificar o cumprimento deste apartado.
  • Tipo de subvención e contía: ata o 100% das cotas efectivamente pagadas nos 12 primeiros meses do exercicio da actividade obxecto de subvención, correspondentes ao RETA ou á mutualidade do colexio profesional de que se trate, tomando como referencia a base mínima de cotización para cada anualidade do RETA 2017 ou 2018 segundo corresponda, ata o esgotamento dos fondos. Para as cotas das mutualidades dos colexios profesionais tomarase como base para subvencionar o mesmo importe que a sinalada para o RETA, no caso de que aquela excedese a contía desta. En caso contrario, só será subvencionable ata o 100 % da contía realmente aboada como cota na mutualidade correspondente, ata o esgotamento dos fondos. En todo caso, o importe máximo de subvención por beneficiario non poderá superar os 2.500,00 euros.

    Presentación das solicitudes de axuda: As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Cambre: https://sede.cambre.es/opencms/gl/procedimientosytramites/tramites/SolicitudGeneralConsolidaCambre2019. As solicitudes deberán presentarse pola persoa interesada, ou por quen ostente a súa representación, no modelo de solicitude xeral que aparece ao iniciar o trámite on – line, debendo achegar ademais os modelos normalizados de anexos:

    – Anexo I: solicitude.
    – Anexo II: declaración responsable e autorizacións.
    – Anexo III. declaración responsable comprensiva das axudas solicitadas, aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución.
    – Anexo IV: designación de conta bancaria.

 

  • As solicitudes deberán acompañarse da seguinte documentación:

    Persoas físicas: copia do DNI ou NIE.

    Persoas xurídicas:
    – Copia do NIF.
    – Copia da escritura de constitución, acta fundacional ou documento equivalente, acreditativa da personalidade xurídica.
    – Documentación que acredite a capacidade da persoa que actúe como representante legal da entidade para actuar no seu nome e representación.
    – Copia do DNI ou NIE da persoa que exerza a actividade.

    Común:
    – Certificado de situación no censo de actividades económicas da AEAT.
    – Certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social das doce cotas de autónomos subvencionables abonadas ou Mutualidade correspondente ao colexio profesional do que se trate.
    – Informe de vida laboral actualizado.

Se precisades máis información, podedes chamar á Axencia de Desenvolvemento Local no teléfono 981 61 31 28.