Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Etnografía

Fonte de San Antón. San Xoán de Anceis
Fonte ubicada en pleno Camiño Inglés ou de Faro. Está feita de perpiaño cun zócalo no que se atopa o cano que verque a auga nunha pía rectangular redondeada nos ángulos externos. A continuación unha pequena moldura separa do corpo central no que aparece a imaxe da San Antón Abade enriba dunha pequena ménsula. Tres grandes fendeduras horizontais nambas beiras da escultura sirven para realzala e, cara ao exterior, están atravesadas por gallóns verticais cóncavos. Para rematar o conxunto, unha cornixa en voladizo con dous pináculos e unha esbelta cruz. Ver ubicación en Google Maps

Fonte de Cela. San Xiao de Cela
Actualmente está restaurada e se compón de catro pezas de granito arrimadas ao balado das que sae o cano que verque a auga nunha pía. O coroamento é toscamente ondulado. Ver Ubicación en Google Maps.

 

Fonte Vella de Cambre. Santa María de Cambre
Fonte construida con tres grandes bloques de perpiaño labrados. Distribúese en dúas partes: na primeira unha gran pía ao nivel do chan onde verque a auga do cano; na dereita un gran bloque  de granito de forma rectangular para pousar as sellas. En segundo lugar dous bloques de perpiaño enmarcados por unha moldura rectangular lisa, para dar sensación dunha soa peza. Este último bloque fai de tímpano e é semicircular. O interior amosa decoración de casetóns de regusto clásico. Ver ubicación en Google Maps

 


Fonte da Pitona. San Paio de Brexo
Conxunto de enorme mounmentalidade con lavadeiros de granito hoxe disfrazados con cemento. A fonte amosa tres partes. Na primeira sitúase o cano que verque nunha pía de granito. A segunda amosa unha moldura perimetral e na terceira unha tosca cabeza humán. Esta parte ten forma triangular a xeito de tímpano cunha cornixa voladiza. No vértice unha base de granito denota a existencia dunha cruz hoxe desaparecida.

Fonte da Fontenla. San Xoán de Pravio
Fonte tradicional composta de varias pedras de granito toscamente labradas colocadas unhas enriba das outras ata formar un espazo pechado coa apertura ao frente. Coroando o conxunto pedras horizontais que lle serven de tellado. Trátase dunha fonte popular das de tipo de “cofre”.

 

Fonte do Drozo (Santa María de Cambre)
Trátase dunha fonte senlleira de adscrición cronolóxica incerta, aínda que por diversas fontes  pódese inferir que xa foi o manancial aproveitado polos romanos para abastecer de auga a “Villa romana” atopada en Cambre hai poucos anos. Sexa como sexa, a fonte foi reutilizada polos monxes bieitos do próximo priorado de Santa María de Cambre para fornecer as dependencias monacais.

Estruturalmente a fonte divédese en tres partes: a pía de perpiaño onde verque o cano que está no centro doutro gran perpiaño; a continuación outro máis no que sobresae en baixorelevo a pedra armeira de San Martiño  Pinario. Para rematar, unha peza pétrea a xeito de tapa, sobresae cunha moldura de listel. Na esquerda, unha columna a xeito de bocel, fai as veces de repousa-selas.

Sen dúbida, o elemento máis interesante do conxunto é a pedra armeira de San Martiño, esculpida na parte superior, pouco antes da cornixa. Debuxa  o piñeiro e as vieiras propias do Mosteiro, levando no timbre o capelo ou sombreiro de á ancha e copa baixa, gornecido de cordóns entrelazados no alto con tres borlas candanseu. Todo o conxunto está bordeado por un cordón, siño propio da dignidade dun “Prior”, neste caso do prior de Cambre. Este feito denota o coñecemento das leises da heráldica por parte dos canteiros que esculpiron este curioso exemplar da heráldica cambresa. 
https://maps.google.com/maps/ms?msid=204592214765475902552.0004df7cb49aadf1bab2e&msa=0&ll=43.297071,-8.338233&spn=0.00111,0.001742

Fonte do Outeiro (San Xiao de Cela)
Trátase dunha fonte erixida no ano 1886, segundo consta nunca placa metálica situada na parte superior do frontal.

Está construida a base de perpiaño: unha gran peza rectangular enmarcada por dúas pezas verticais moi estreitas. No medio dese gran zócalo, que é a peza central, atópase o cano que verque a auga noutro enorme perpiaño moi irregular, facendo a función dunha pía. Unha canle de pezas tamén de perpiaño fai de desaugue cara ao lavadoiro.

O conxunto coroa en liña curva, o que lle confire un certo aspecto de frontón, no que se asenta o elemento máis interesante do conxunto a saber, unha gran moldura a xeito de cornixa. Dentro da súa característica sobriedade, este elemento, feito dunha soa peza, contribúe a individualizar o conxunto. Son dúas molduras xemelgas que comezan e rematan en volutas sinxelas e influencias clásicas. Como elemento ornamental, dúas follas vexetais arrincan pola parte de abaixo de cada moldura, a xeito dos lambrequíns heráldicos. A placa metálica coa datación, atópase no centro xeométrico do conxunto, no lugar central. Unha peza tronco-prismática semella a basa de onde arrincaría unha cruz cumial.

Á esquerda da fonte, unha columna de sección cadrangular, biselada e rematada nunha peza cadrangular, semella un repousa-sellas.

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal