Camiño Inglés

O descubrimento dos restos de Santiago en Compostela posibilitou a chegada polo mar de multitude de peregrinos do norte de Europa e das Illas Británicas. Os rastros do tránsito dos peregrinos pódense ver con abundancia no tramo do Camiño ao seu paso por Cambre: murallas, cruces, igrexas, pontes, fontes, lendas, castros …, son verdadeiras vías, estacións e sinais que fan do itinerario un auténtico camiño da arte.
Dende a ponte do Burgo-Temple, o Camiño Inglés (tamén chamado de Faro) pasa polas terras de Culleredo (O Burgo e Almeiras) ata chegar á parroquia cambresa de Sigrás pola Ponte da Xira (ou Alvedro). Peregrinos do norte de Europa refuxiábanse no complexo hospitalario de Santiago de Sigrás: comían, durmían, lavábanse e trataban as feridas ou as enfermidades da viaxe … A partir de aí, a estrada discorre por Sobrecarreira, A Rocha, O Drozo, Anceis e Altamira. , ata chegar ao Concello de Carral.